estacion_pontevedra.jpgA estación de vixilancia da calidade do aire de Pontevedra, xestionada pola Xunta,  rexistrou onte martes 27 de xullo altos níveis de contaminación  por ozono troposférico, chegándose a superar o limiar de información á poboación. Porén, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non advertiu ao conxunto da poboación pontevedresa desta superación, limitándose a divulgar os datos na sua web sobre calidade do aire. Dadas as elevadas temperaturas é probable que hoxe pola tarde se volva superar o limiar de informacion á poboación de contaminación por ozono.  

A media horaria de concentración de ozono troposférico no aire rexistrada ás 16 h de onte foi de 196,2 microgramos/metro cúbico. Ás 17 h a media subiu a 205,49. Polo tanto, superouse  o limiar de información, que é 180. De acordo co Real Decreto 1076/2003, relativo ao ozono no aire ambiente, cando se supere ou se prevea que se vaia superar este limiar, deberase subministrar á poboación "a unha escala suficientemente grande e canto antes" información sobre a superación ou superacións observadas e sobre a prevision para a seguinte tarde/día. Até onde puido comprobar Verdegaia, isto non sucedeu, co cal a Xunta tería incumprido a lexislacion e o seu propio protocolo de actuación face a episodios de contaminación atmosférica aguda.

É probable que hoxe se volva superar o limiar de información á poboación  mais nestes momentos é imposible sabérmolo porque a web sobre calidade do aire da Secretaria de Calidade e Avaliacion Ambiental da Xunta (http://aire.medioambiente.xunta.es/index.jsp#) deixou de fornecer datos da estacion de vixilancia da calidade do aire de Pontevedra desde as 13 h de hoxe. O mesmo aconteceu para o resto das estacións das cidades galegas. Para a estación de Ourense, onde e posible que tamén se supere hoxe o limiar de informacion de contaminación por ozono, a web sobre calidade do aire non difunde información para este contaminante desde o 19 de xullo.

O ozono da parte baixa da atmosfera (isto é, o troposférico, que non se debe confundir co da estratosfera, que nos protexe das radiacións ultravioletas) é un contaminante secundario inodoro que se forma mediante unha complexa serie de reaccións fotoquímicas nas que participan a  radiación solar, o dióxido de nitróxeno (NO2) e compostos orgánicos  volátiles. A elevadas concentracións causa irritación nos ollos, superficies mucosas e pulmóns. A resposta á exposición ao ozono pode variar moito entre individuos por razóns xenéticas, idade (afecta máis aos nenos e as persoas maiores), e pola presenza de enfermidades respiratorias como alerxias e asma. Cando se supera o limiar de informacion á poboacion desconséllase o exercicio intenso ao aire libre, especialmente no caso das persoas máis vulnerables.