im001063.jpgEste ano a convocatoria da Semana da Mobilidade Europea reviste unha particular importancia, xa que o tema central é “Mobilidade, Saúde e Seguridade: Móvete con intelixencia e vive mellor”. E é que, para mellorar a calidade de vida nas nosas cidades, é necesario ser conscientes dos graves problemas que ocasiona o uso excesivo do coche nas cidades.

A maior parte da poboación galega vive en contornas urbanas e metropolitanas, onde o tráfico é responsable directo, entre outros, de catro factores fortemente determinantes da calidade de vida e da saúde dos seus habitantes:

  • A calidade do aire: os datos mostran ás claras a magnitude deste problema. O 42,7% da poboación galega (1.175.991 persoas) respira aire contaminado se se toman como referencia os valores límite de concentración de contaminantes no aire recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para a protección da saúde humana, máis esixentes que os legais1. En todo caso, os estudos demostran que máis de 16.000 persoas falecen cada ano de forma prematura no Estado español por mor da contaminación do aire. Ata o 80% desta contaminación, segundo que contaminantes, ten a súa orixe no tráfico. A poboación afectada pola contaminación está exposta a valores medios anuais de concentración de partículas en suspensión (partículas inferiores a dez micras, PM10, e/ou a dúas con cinco micras, PM2,5) no aire superiores ao limiar recomendado pola OMS. Vive na Coruña, Arteixo, Ferrol, Santiago, Vigo, Lugo, Valdeorras e na denominada “franxa Fisterra-Santiago”, unha das zonas en que se divide Galicia a efectos de avaliación da calidade do aire. A exposición a partículas en suspensión relaciónase con afeccións respiratorias e cardiovasculares e a longo prazo estímase que pode reducir a esperanza de vida entre varios meses e dous anos.

  • O ruído: as nosas cidades son moi ruidosas, e cuantitativamente o principal xerador deste ruído é o tráfico. Moitos estudos conclúen que as consecuencias sobre a saúde dos niveis de ruído prolongados que xera o tránsito de automóbiles resultan equiparables, ou ata son superiores, ás provocadas pola contaminación do aire. Na Unión Europea, ao redor de 40% da poboación están expostos ao ruído do tránsito cun nivel equivalente de presión sonora que excede 55 dB(A) no día e 20% están expostos a máis de 65 dB(A). Máis de 30%da poboación están expostos durante a noite a niveis de presión sonora por encima de 55dB(A), o que trastorna o soño. Na estrada de Ferrol a Narón, a modo de exemplo, os niveis de ruído nesta estrada oscilan entre os 60 e os 75 decibelios, e a cidade de Vigo soporta niveis superiores ao 55 dBA no 65% do seu territorio (70 de 109 km2), sendo superiores aos 74 dBA noutro 5%.

  • A sinistralidade: aínda que a sinistralidade por accidentes de tráfico reduciuse moito na estrada, este descenso foi menor en zonas urbanas. No ano 2009 o número de persoas mortas nas estradas galegas foron 185 ás que hai que sumar 33 no ámbito urbano. Nos sete primeiros meses de 2010 levamos xa 97.Esta sinistralidade redúcese drasticamente en lugares con limitacións ao tránsito de automóbiles ou á súa velocidade.

  • O sedentarismo: entre os máis relevantes problemas de saúde da poboación urbana, están as consecuencias cardiovasculares, respiratorias, sobrepeso, etc. da falta de exercicio físico. Con frecuencia, esta carencia garda unha gran relación co uso continuado do coche, polo que modificar esta tendencia promovendo os desprazamentos a pé ou en bicicleta redunda de forma nítida na mellora da saúde.

Estes datos teñen unha clara relación coa situación actual da mobilidade urbana en Galicia que reflicte claramente a ausencia de medidas innovadoras e a falta de vontade política de atallar o problema incidindo sobre a súa principal causa: o abuso do automóbil. Así temos que o 58% dos desprazamentos de curta distancia en Galicia fanse en automóbil cunha media de ocupación de 1,2 persoas durante a semana, subindo a cifra ao 72% na fin de semana, fronte a un 25% a pé e un triste 6% en transporte público. Ferrol (o 63,9% o empregan para ir a traballar ou estudar) é o paradigma do uso do automóbil como medio de transporte, seguido de Vigo (62,2%) e Santiago (62%).

Verdegaia ven realizando dende o ano 2007 repetidas comparativas anuais de medios de transporte (a pé, bicicleta, moto, taxi, autobús e automóbil privado) en Ferrol, Ourense, Vigo e Compostela coa finalidade de delimitar varios parámetros: tempo consumido, consumo enerxético, custo monetario e emisións de CO2 e definir obxectivamente cal é o medio de transporte máis axeitado para desprazarse polas nosas cidades.

As conclusións destas comparativas foron rotundos: a bicicleta foi o medio máis rápido en todas as probas. A diferencia entre empregar a bicicleta no canto do automóbil en desprazamentos urbanos durante un ano suporía evitar a emisión de 600 kg/CO2, permite gañar 210 horas de tempo e aforrar máis de 400 € , sen ter en conta a amortización do vehículo.

Perante esta situación, Verdegaia demanda a adopción de medidas urxentes para reducir o uso do coche nas cidades e transvasar viaxeiros a outros modos de transporte de menor impacto ambiental, nomeadamente o transporte público colectivo e os desprazamentos non motorizados, isto é, andar ou pedalear.

Estas medidas urxentes teñen que ter unha dobre compoñente simultánea de disuasión e estímulo. Disuasión para o emprego do coche mediante os múltiples mecanismos posíbeis (parquímetros, restricións de acceso, peaxes, non ampliación de estradas, pacificación do tráfico) e estímulo para os medios máis ecolóxicos (melloras no transporte público, con carrís exclusivos, itinerarios peonais e ciclistas seguros, ampliación de beirarrúas).

Neste momento, incrementar o viario para os coches como pretenden facer as distintas administracións (véase o plano Vigo Integra, o Plan MOVE, etc.) é unha resposta obsoleta, cara e contraproducente ante os retos do tráfico. Ao contrario, reducir a capacidade do viario para os coches permite modos de vida máis saudables para todos os cidadáns, e leva aparellados unha mellora na calidade do aire, menor ruído, máis espazo para a xente. Ata agora, as melloras tecnolóxicas na emisión de contaminantes dos automóbiles foron en boa medida neutralizadas pola súa cada vez maior uso, polo que a única estratexia razoable é a de reducir a súa utilización.

Para mellorar a calidade de vida nas cidades, para reducir os elevados custos económicos do transporte e para combater o contaminación atmosférica, acústica e visual, Concellos, Xunta e Goberno central deben mudar radicalmente as súas prioridades en materia de infraestruturas e urbanismo, apostando por unha nova concepción do desenvolvemento urbanístico, que free a dispersión e a segregación de usos. As cidades teñen que recuperar a súa escala humana, na que a proximidade dos servizos sexa a característica principal. Un lugar é máis accesíbel canto menos distancia haxa para chegar a el. A creación de proximidade é o piar básico da mobilidade sustentábel sobre o que se deben sustentar todas as medidas aquí propostas.

1“A calidade do aire en Galicia durante 2009”.