Integrada por Anduxía, Bouzas Móvete, Comité Cidadán de Defensa Para a Ría de Ferrol, Foro Social de Cangas, Fusquenlla, Plataforma Ártabra 21, Plataforma contra o Viaduto e a Variante de Outes, Plataforma pola Defensa das Illas Cíes, Salvemos Monteferro, Asociación O Carballal, ADEGA , Amigos da Terra, Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Colectivo Ecoloxista do Salnés, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Luita Verde e Verdegaia; constituíuse esta mañá en Compostela a Rede Litoral Vivo.

A costa galega, particularmente as rías, conta cunha riqueza paisaxística, biolóxica e etnográfica única e fai parte imprescindíbel da nosa identidade cultural, das nosas referencias emocionais e do noso futuro colectivo.

Porén, esta singularidade non ten sido salvagardada polas administracións nin respectada dende o ámbito privado. O desenvolvemento urbanístico e industrial descontrolado, unhas inexistentes políticas de ordenación do territorio e un errado concepto do "progreso" tradúcese na destrución de grandes partes do noso litoral, proceso acelerado nos últimos anos e sen perspectivas de frearse, o que pode supoñer, se non se pon couto, a marea gris definitiva que remate de asolagar a nosa costa.

Este proceso supón unha enorme perda cultural, ambiental e económica que a miopía xeralizada que padecemos obvia, cometendo os mesmos erros que noutras zonas do estado e facilitando a perda de biodiversidade, de calidade de vida e a rendibilidade socieconómica da nosa costa.

Perante esta situación, estes colectivos deciden constituír a REDE LITORAL VIVO coa finalidade de:

  • Compartir información e experiencias entre persoas e colectivos en defensa do patrimonio natural, social e cultural do litoral galego e propoñer alternativas de uso, conservación e restauración que conserven a costa. A Rede actuará de multiplicadora dos esforzos destinados a xerar alternativas e cambio no modelo de xestión costeiro.

  • Apoiar ás mobilizacións sociais en defensa do litoral e actos de protesta pola represión e a inxustiza (denuncias, xuízos) contra persoas e colectivos que pacificamente están a exercer o libre dereito a defendelo, difundindo alertas e convocatorias de mobilización.

  • Difundir as novas dos colectivos, logrando que transcendan do ámbito local, convertendo a Rede nunha ferramenta de amplificación da problemática do litoral galego e permitindo adoptar unha visión de conxunto das agresións á costa.

  • Aumentar a sensibilización social mediante a divulgación e a concienciación da cidadanía ofrecendo unha canle de denuncia e participación activa.

  • Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.

No seu Manifesto "Por un Litoral Vivo" estes colectivos demandan que a sustentabilidade sexa a guía que marque as actuacións no litoral, unha serie de medidas lexislativas que garantan dita sustentabilidade, e transparencia, participación social e responsabilidade na xestión das distintas administración. Como medidas de emerxencia inmediatas esixen a Prohibición dos desenvolvementos urbanísticos e industriais naqueles lugares onde non estean garantidos a depuración completa de augas residuais, o subministro enerxético e de auga ou que a sua construcion provoque un impacto ambiental ou paisaxístico negativo; e a posta en marcha inmediata dunha moratoria que deteña as agresións no espazo marítimo-litoral permitindo unha Planificación Integral dos Usos do litoral no que se recollan todos os aspectos derivados da ocupación humana, do uso do medio mariño e dos seus recursos así como a previsión sustentábel da ocupación do mesmo.

Máis información en www.redelitoralvivo.info