Coincidindo coa Xornada de Acción Global polo Clima do 23 de setembro, convocada por Friday´s for Future-Xuventude polo Clima e apoiada polo Movemento Galego polo Clima, diversos colectivos veciñais e ecoloxistas de Vigo lanzaron un espazo para que a cidadanía de Vigo presente propostas e realice accións para loitar contra o cambio climático desde a nosa cidade.
Previamente presentouse na Aula D a Guía Municipalista da activista climática, cun obradoiro sobre como facer fronte á emerxencia climática desde o local dinamizado a partir da experiencia de Barrios por el Clima en Córdoba.
O pleno municipal aprobou hai xusto 3 anos unha declaración de emerxencia climática impulsado polas mobilizacións masivas de setembro de 2019, pero a día de hoxe o Concello non adoptou ningunha das medidas comprometidas para facer fronte a esta situación. Máis ben adoptando políticas urbanistas no senso contrario: eliminando masa arbórea do casco urbán, tendo un dos transportes públicos peor valorados do Estado, degradando o litoral coa urbanizaciónurbaización para ricos de Cabo Estai, promovendo a construción de túneles, como o caso da Porta do Sol, nunha zona que debería formar parte da futura Zona de Baixas Emisións e fomentando infraestruturas innecesarias, como o vial PO-010 en Beade e Bembrive, que incrementarán o tráfico e polo tanto as emisións contaminantes.
Colectivos como Asociación de Afectados polo Vial de Beade, Defensa do Parquer García Picher, Bembrive en Pé, Ecoloxistas en Acción, Fridays for Future Xuventude polo Clima Vigo, Verdegaia, Greenpeace, Vigo Ciclábel e Amigos da Terra consideramos que é necesario apostar por unha cidade sustentable, con amplas zonas verdes, que pacifique o tráfico e poña a vida no centro, e para iso é imprescindible actuar desde os barrios e parroquias, atendendo ás necesidades do rural vigués, o noso pulmón verde.
Ante o desleixo das administracións, ten que ser a cidadanía autoorganizada a que loite por combater as causas do cambio climático, á vez que presiona para conseguir medidas efectivas. Con este obxectivo nace Vigo polo Clima, que celebrou a súa asemblea constituinte na Porta do Sol o venres 23 de setembro ás 19.45h.
Previamente, na AULA D, ás 17h, presentouse a “Guía Municipalista da activista climática” cun obradoiro sobre como facer fronte á emerxencia climática desde o local dinamizado a partir da experiencia de Barrios por el Clima en Córdoba.
Trackbacks/Pingbacks