Verdegaia convida a participar o domingo   4 na Praza Maior do Carballiño na Concentración contra a IV Copa Nacional de Caza do Raposo. A caza rematou o 7 de xaneiro e pensabamos que xa nos libraramos dos problemas que esta práctica causa aos animais, en xeral, e á maioría  da cidadanía que non podemos pasear con tranquilidade polo monte, en particular. Pero, sempre hai trampas”legais” para seguir acosando aos animais indefensos, aínda que sexa en época de apareamento.  A Declaración Universal dos Dereitos do Animais di que “Todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio, é dicir, un crime contra a vida”. A multiplicación de campionatos  de raposos  pola nosa xeografía pode clasificarse como xenocidio, é dicir, un crime contra a especie.

Esta continua actividade no monte non deixa sosego para que os animais se reproduzcan , e así temos que asistir á solta de animais criados en cativeiro para despois cazalos, sen que, polo xeral, teñan tempo de se adaptaren ao novo hábitat en liberdade. Todos os anos isto representa unha matanza de animais que non están adaptados, atópanse asustados e perdidos nun medio no que foron abandonados e no que aínda non saben onde comer, beber ou se protexer. Todo porque non se deixa rexenerar a fauna no seu medio natural.

O territorio natural está parcelado por autoestradas, autovías  e trens de alta velociade, o efecto que estas barreiras provocan, impedindo a súa correcta mobilidade acaba influíndo directamente na diversidade xenética.  O monte está falto de vida natural. As especies autóctonas  están a pasar á lenda dos contos antigos sen que as novas xeracións  poidan disfrutar  da súa compañía a causa das ameazas ás que están sometidas tanto os exemplares como o hábitat no que se desenvolven, incendios forestais, construcións de grandes infraestruturas, son algúns dos factores que contribúen á extinción das especies e polo tanto da biodiversidade. Non faltan “científicos   ben pagados polo sistema que aínda se atrevan a culpar ao lobo ou ao raposo da perda doutras especies. O medio rural demanda unha función revalorizada,  acoller as actividades que garantan o respecto ao contorno no que se ubican e constitúan unha base para a sustentabilidade  e a conservación .