Verdegaia apoia as mobilizacións da veciñanza en contra da ampliación do Porto do Cabo da Cruz para a creación de 500 puntos de amarre a flote e 100 prazas máis para unha mariña seca en terra. As actuacións están a levarse a cabo en base a un informe de sustentabilidade ambiental carente de rigor, no que din non contemplar outras alternativas ao proxecto pola súa dificultade técnica. Para Verdegaia a mellor alternativa á construción do dique e contradique que se está a levar a cabo é a alternativa “0”, é dicir, non facer ningunha ampliación no porto. Dita alternativa “0” tampouco foi contemplada no Informe de Sustentabilidade ambiental.

Non é estraño, pois dito informe analiza a realidade socioeconómica da zona en base a quince —si, só quince— enquisas. Estas fixéronse (entre outros) a representantes de empresas de hostalería, e de entidades bancarias. Dá a impresión de que os que a deseñaron non querían que a gran maioría dos afectados puideran coñecer o que se ía facer e evitaron preguntarlles.

Agora a desfeita xa comezou, e o marisco está a ser literalmente soterrado baixo un quilómetro de escollera e contraescollera, que ocupará 60.000 metros cadrados do banco marisqueiro de Curvera, e que pechará unha superficie equivalente á de 27 campos de fútbol. As cifras dan vertixe: para transportar os 536.188 metros cúbicos de pedra e escollera que se precisan, necesitaranse varias decenas de miles de camións dos máis grandes. A veciñanza terá que soportar durante moitos meses que pasen preto das súas casas diariamente decenas ou incluso centenares de camións mentres duren as obras. E tal e como se recoñece no Estudo de Impacto Ambiental o nivel de ruído sobrepasa ao máximo permitido legalmente.

Mais estes non son todos os problemas que están a causarse. Os polígonos de bateas na zona tamén están a verse afectados. Non só pola turbidez das augas que está a producirse durante as obras, senón tamén por mor das correntes de auga que se van ver perturbadas permanentemente con dita construción. Ademais, algunhas das bateas van estar perxudicadas directamente pola proximidade da contraescollera ás mesmas.

O estudo das correntes no Informe de sustentabilidade ambiental, tamén deixa moito que desexar. Nel recoñécese que as praias da zona poden verse perturbadas no que se refire ao aporte de áridos ás mesmas. Nomeadamente, a praia de Barraña probablemente se vexa afectada. Mais os estudos e as solucións quedan para o futuro. Por qué non se estudaron solucións técnicas que permitiran o paso das augas por baixo das escolleras? O grave é que nalgún medio, en lugar de poñer fin a esta desfeita, xa se está a falar de deixar os entullos depositados na praia do Corviño para facer alí un recheo, e iso sen ningún estudo de impacto ambiental. Parece que a consigna é ir destruíndo pouco a pouco en lugar de ir rehabilitando.

Por isto, Verdegaia vai a apoiar o vindeiro domingo día 24 a concentración que terá lugar ás seis da tarde no porto do Cabo da Cruz en contra da construción do novo porto deportivo, e invita á veciñanza e ás persoas sensibles co ambiente a que se acheguen ata alí.