Sábado 31, ás 17:30 horas na Praza do Concello de Neda.

O proxecto de enlace entre a AP9 (Neda) e a autoestrada Ferrol-Vilalba (AG-64) carece de sentido, xa que o concello de Neda, coas infraestruturas que existen na actualidade, está perfectamente conectado coa autoestrada AG-64 (Ferrol-Vilalba) por medio de cando menos estas tres opcións:

  • Usando a AP9 dirección Ferrol e desviándose cara ao Polígono do Río do Pozo.
  • A estrada AC-641 e a súa continuación na estrada AC-642.
  • A través do enlace entre Vilar do Colo e a estrada Cabanas – As Pontes.

A vía rápida proxectada causaría consideraveis prexuízos no Concello, fraccionando pola metade o seu territorio, e atravesando ao seu paso zonas de interese ambiental, paisaxístico, agrario e forestal. Por unha parte está a afectación ás Fragas do Río Belelle, que fan parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Xunta de Galicia (non hai que esquecer que se trata dunha das fragas máis importantes da provincia). Por outro lado, afecta tamén ao Lugar de Importancia Comunitaria Río Castro, que xa fai parte desta rede de espazos protexidos.

Estes argumentos son os que decidiron a algunhas entidades ecoloxistas a demandar figuras de protección para os pontos de maior interese ambiental, e ao concello de Neda que axustase as súas previsións de desenvolvemento a estas circunstancias, primando por riba doutras opcións as actividades relacionadas co sector turístico e hosteleiro, así como o mantemento das actividades xa existentes. Este proxecto daría ao traste con estas pretensións.

O interese económico que puidera servir de argumento para levar adiante o proxecto esvaécese totalmente ante os danos económicos que produciría no concello, ao quedar afectadas propiedades de gran valor. Estes efectos negativos veríanse agravados pola alta densidade poboacional dalgunhas zonas atravesadas polo trazado.

Ante estas ameazas, entendemos que non se pode realizar este proxecto sen a máis mínima consideración nin previsión das afeccións que pode causar ao patrimonio do concello.