A concentración parcelaria da zona de Santo André de Campo Redondo comeza co anuncio do DOG do 19 de abril do ano 2000. Esta concentración afecta á totalidade dos terreos agrícolas, cunha extensión de 249 Ha. Dentro deste territorio hai un monte comunal de 44 Ha., chamado Coto de San Cibrao e O Baliño. 

As bases definitivas da concentración parcelaria definiunas a Xunta Local o 9 de xuño de 2003 e publicáronse no DOG do 12 de agosto de 2003. Loxicamente a calificación dos terreos dependen do seu uso. É dicir, a terra cultivada vale máis que o monte, polo que a persoa que leva monte leva máis extensión para ter o mesmo valor que outra persoa que leva terra cultivada.

En principio, en ningún momento a parcelaria ía tocar o monte comunal, xa que un monte comunal non se pode dividir e repartir. Pero sen ningún aviso previo un veciño comezou a talar árbores e a preparar a terra para viñedo en monte comunal, polo que os/as veciños/as lle puxeron unha denuncia o día 12 de outubro de 2006 tanto por entrar no monte comunal como polo cambio non autorizado de cultivo de monte a viñedo.

O 26 de marzo de 2007 os/as veciños/as reiteran a denuncia a través do Seprona polo cambio de cultivo a viñedo do monte e outra o día 29 de agosto de 2007 na Garda Civil pola tala de piñeiros sen autorización en monte comunal.

Incluso os/as veciños/as recolleron sinaturas reclamando que eran maioría as persoas en contra de ocupar o comunal que as que estaban a favor. Recolleron un total de 50 sinaturas.

Pero non soamente se ocupa o comunal ilegalmente e se reparte, senón que tamén o dominio público hidráulico resulta afectado pola concentración parcelaria, xa que no monte (que practicamente todos/as os/as veciños/as que levaron terreo van facer viñedo) están facendo pozos de barrena que reducirán a chegada de auga a Santo André. Ademais, non se fixo unha canalización proxectada dentro do marco da parcelaria das augas, polo que a auga dos regatos flúe libremente (moita dela precisamente dentro de parcelas que supostamente son para cultivo de viñedo e nas que con toda esa auga correndo é obxectivamente imposible facelo) e un regato de uso público, Fondo de Vila, afectouse con catro obras de paso de formigón, polo que a Confederación Hidrográfica do Norte multou á Consellería de Medio Rural por un total de 806,40 euros e tiña a obriga de deixar todo como estaba nun prazo de 15 días. Verdegaia comprobou in situ que desde o 14 de novembro de 2007 (data da resolución da Confederación Hidrográfica do Norte) a Consellería non soamente non fixo nada, senón que o regato queda dentro de fincas privadas ás que non terán acceso ó resto dos/as veciños/as e que algúns veciños están facendo pasos e obra sobre o regato.

Este regato (Fondo de Vila), curiosamente nos últimos planos da parcelaria desaparece por arte de maxia. Por se isto fora pouco, unha casa que estaba calificada como zona urbana dentro da rústica (cousa xa de por si curiosa) e que non ía entrar como tal na parcelaria, de repente pasou a ser rústica e a repartirse na parcelaria, porque un veciño que non se identificou nin demostrou que fora o seu propietario dixo que era súa e que a meteran na parcelaria. Algúns/algunhas veciños/as avisaron á propietaria da casa e ela si que tivo que demostrar que a casa era súa para volvela quitar da parcelaria.

Pero aínda máis, supostamente despois de gastar 1.315.000 euros (palabras do director xeral de Estruturas e Infraestruturas, Xosé Carballido, nunha noticia do 14 de decembro de 2006) unhas pistas que ían ser de 8 metros de ancho son de 4 e están sen rematar, hai pistas que non levan a ningunha parte, a auga corre libremente a través de certas fincas (agora, que estamos de seca, cando chova poderán nadar nelas) inhabilitándoas para o seu uso agrícola… pero o dito, o diñeiro xa se gastou. É dicir, fíxose mal, tarde e non se acabou.

Verdegaia pregúntase como a Consellería de Medio Rural pode ser a primeira en non cumprir a legalidade (repartir un monte comunal), en permitir que se corten carballos centenarios e carballeiras máis novas para facer viñedos en toda a aldea de arriba á abaixo, que se corte todo o monte de piñeiros e se cambie o uso do terreo dado como monte (e polo tanto máis extensión), todo isto despois de que os/as veciños/as puxeran reiteradas denuncias e de que aínda actualmente haxa un xuízo pendente.

Verdegaia cre que a ordenación territorial e a dinamización do rural non consiste en deixar unha aldea sen masa forestal que equilibre o uso agrario nin en permitir ilegalidades en pro dunha concentración parcelaria mal comezada desde o antigo goberno do PP en Ribadavia e na Xunta e mal continuada en lugar de arranxala por parte do PSOE e do BNG tanto na Xunta como en Ribadavia.