No período 1991-2004 houbo no noso país 49,45 incendios por cada 10.000 hectáreas de superficie forestal. En ningún outro país da Unión Europea, agás Portugal, hai unha densidade maior de incendios forestais. Evitar os incendios e minimizar as súas consecuencias é unha tarefa de toda a sociedade na que tamén ti podes colaborar durante todo o ano. Eis algúns consellos:

1. Esixir á Xunta e ao resto dos poderes públicos maior compromiso coa prevención dos lumes e co ordenamento e xestión sustentábel dos montes, mais sen debilitar o dispositivo de extinción. O monte ten que ser unha prioridade política.

2. Condenar socialmente e denunciar ás persoas que provocan lumes, por neglixencias ou de forma intencionada. En moitas ocasións, os incendiarios e incendiarias son coñecidos pola poboación rural, mais as denuncias son moi escasas. Podes facer as denuncias perante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil (teléfono 062).

3. Non fagas nada que poida ser causa de incendios: botar mistos ou cabichas; acender barbacoas ou lumes (nin tan sequera nas áreas recreativas, especialmente nas épocas de maior risco); tirar papeis, plásticos, vidros ou calquera tipo de residuo ou material combustíbel susceptíbel de orixinar un lume; eliminar mato ou residuos agrarios co lume, etc.

4. Se ves un incendio forestal que non está a ser combatido, avisa axiña chamando ao 085.

5. Se o lume é moi incipiente, podes tentar apagalo botando auga ou terra á base das chamas e procurar eliminar a vexetación arredor do lume para que éste non se propague.

6. Se o lume non é incipiente, afástate del camiñando, por estradas, pistas e camiños, pendente abaixo e contra o vento e evitando zonas de vexetación espesa e seca. A extinción de incendios é un labor duro e perigoso, que require de persoal cualificado e equipado. Porén, pode ser conveniente porse a disposición das brigadas antiincendios para realizar tarefas de apoio. E ten en conta que é legalmente obrigatorio colaborares na extinción dun lume se es requerido para iso polas autoridades.

7. Se non é por motivos profesionais, evita circular por pistas agrarias e forestais con vehículos, especialmente nas épocas de maior risco de lumes. O contacto do tubo de escape co mato seco pode provocar incendios.

8.Denuncia a existencia de vertedoiros incontrolados, pois poden dar lugar a incendios.

Defender os montes é cousa de todos e todas!

Máis información:

Arde Galiza

Teléfono de coordenación do voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta: 900 400 800.