29 de Decembro de 2006 o goberno español aprobou un proxecto de lei sobre comercio exterior de material de defensa e dobre uso. A campaña polo control do comercio de armas ven de apresentar un informe no que amosa a súa decepción con este proxecto e achega propostas para o mellorar.

Segundo o informe “Comercio de armas en España: Una lei con agujeros”, nos últimos anos o Estado español sitouse entre os dez ou quince primeiros postos do mundo en exportación de armas, cun volume de vendas que non deixa de medrar desde 2000 e que en 2005 superou os 419,5 millóns de euros. Este incremento débese en parte á participación en programas europeus de fabricación conxunta de armas (caza Eurofighter, carro de combate Leopard, mísiles Meteor…), mais estas cifras non inclúen as exportacións de material policial e de seguranza (1,4 millóns en 2005) nen as de tecnoloxías e produtos de dobre uso (58,6 millóns en 2005), como tampouco se contabilizan doazóns, cesións leasing…

En 1998 foi aprobado o Código de Conduta da UE sobre exportacións de armas, que agora está a ser revisado, desde aquela as exportacións españolas de armamento e materiais de dobre uso tiveron algúns destinos preocupantes: Colombia, Israel, Marrocos, China, Arabia Saudí, Irán, India, Sri Lanka, Indonesia, Filipinas, Zimbabwe, Sudán, Venezuela… Países que se supón non cumpren cos requisitos do Código.

Un proxecto de lei decepcionante 

As organizacións autoras do informe, Intermón-Oxfam, Amnistía Internacional e Greenpeace, consideran decepcionante o proxecto de lei que agora se debaterá no Congreso, xa que apenas supón avanzos con respeito á normativa vixente e enteden que é unha proposta falta de ambición, pouco precisa nalgús aspectos fundamentais e ignorante das boas práticas desenvolvidas noutros países, mesmo grandes exportadores de armamento. As organizacións, ademais, lamentan non ter tido aceso ao proxecto antes de ser enviado ao Congreso, aceso que si tivo a industria armamentista española, formada por unhas 180 empresas.

As entidades autoras do informe coidan que o proxecto pode ser completado e mellorado na tramitación parlamentar, e para iso propoñen:

• Asegurar a máxima claridade e concreción do contido da lei, corrixindo as disposicións ambiguas ou incompletas do proxecto
• Establecer maiores controis ao comercio exterior de material de defensa e dobre uso, tendo en conta as boas práticas doutros países
• Aumentar os níveis de transparencia da información oficial
• Limitar a discrecionalidade da JIMDDU (Junta Interministerial Reguladora do Comercio Exterior)
• Desenvolver novos mecanismos de control parlamentar

E mentres non se aproba a lei, a campaña recomenda ao goberno español que informe con pontualidade e incorpore avanzos en control e transparencia.

Que a lei de comercio de armas non sexa un coador: Asina!