Acompañou tempo de outono polas Fragas do Espindro, brétema, algo de friaxe mais non choveu. Foi interesante coñecer a variedade de habitats na contorna do Esprindo en Cerceda, así como a encrucillada de agresións ambientais da contorna (Meirama central, lignitos de Meirama, Sogama, parque industrial, obras do TAV, …).
Aprendéronnos moitas cousas do reino dos fungos, e datos interesantes para a identificación. Procurouse dar unha introdución ao mundo micetal para logo facermos identificacións e afondarmos nos cogumelos e os fungos ao longo do percurso. Salientouse o facermos unha práctica micolóxica que minimizase o impacto ambiental recollendo só os exemplares que se precisasen e coa técnica máis axeitada.
Houbo momentos interesantes ao longo de toda a xornada, máis foi a descoberta dun mixomicete, ese fungo cun pé xa no reino animal e que son quen de se moveren polos piricutos das herbas adiante, un dos pontes fortes.
Fixose un xantar común nun biduído con boas vistas á fraga e o ambiente foi moi bo. Improvisouse un convite de chocolate quente por parte de Verdegaia que prestou ben na sobremesa.
Rematou a actividade cunha rolda de exposición de exemplares na estación do camiño de ferro de Cerceda e posta en común dirixida como toda a actividade polo noso micólogo Martín Souto. Volta de novo no comboio atravesando outras fragas e bosques de ribeira cara a Compostela, por esta vía que ten os días contados.
{gallery}galeriascogumelos08{/gallery}
Lista de especies ou xéneros identificados:
Amanita franquetti Hebeloma crustuliniforme |
Lycoperdon perlatum Lycoperdon umbrinum Russula sp. Scleroderma polyrhyzum |