COCIÑA RESPONSABLEMENTE

Consumo responsábel e saúde na cociña 

Comermos san, ecolóxica e responsabelmente é máis sinxelo e delicioso do que parece. Require, como moitas actitudes dun consumo responsábel, UN CHISCO DE SISO. Sempre e cando non nos supoña unha obsesión nen un sentimento de privación, seranos un pracer. Aplicando algúns criterios, poderemos facer unha atinada escolla de  alimentos sen termos que consultar tabelas de calorías e nutrientes. Queremos dar a coñecer o uso da comida real e tradicional; tornar aos ingredientes integrais, ecolóxicos, locais e de cadansúa estación; deixar que a lóxica e a intuición, a variedade e a satisfación nos leven a unha alimentación con xeito. 

_dsc0026.jpg

 

 

 

 

 

 

 

Prácticas que diminuíron a saúde, nosa e a do planeta. 

    • Alto consumo de comidas preparadas: conservas, conxelados, comidas preparadas, alimentos refinados. Sobre-envasado .

    • Emprego frecuente de alimentos de preparación con electricidade e do forno de microondas.

    • Uso e abuso do azucre en repostería.

    • Comida baseada en gordura e azucre, doces e boliños industriais.

    • Abuso do conxelador e o refrixerador.

    • Abuso de alimentos de orixe animal (carne, lacticinios, ovos, embutidos,…)

    • Invasión de aditivos, estabilizantes e conservantes.

    • Abuso das frituras e os aceites degradados ou requeimados.

    • Abuso da temperatura de cocción: o lume forte queima o brando cociña e predixire os alimentos.

    • Cocedura de verduras de xeito inadecuado (exceso de auga).

    • Diminución do consumo de verduras frescas, legumes e cereais.

    • Costume de beber nas comidas.

 

Prácticas que favorecen a nosa saúde e a do planeta. 

    • Evitar as grandes superficies comerciais, promovendo o comercio local.

    • Evitar os envases problemáticos (bricks, aluminio, plásticos, latas…).

    • Escoller produtos frescos, de tempada e locais.

    • Diminuír o emprego de comidas preparadas.

    • Diminuír o consumo de alimentos de orixe animal en favor das verduras frescas, legumes e cereais integrais.

    • Escoller produtos de agricultura ecolóxica na medida do posíbel.

    • Reducir o uso de azucre, sal, aditivos, e outros.

    • Non abusar dos enfornados.

 

PRÁCTICAS PARA AFONDAR UN POUQUIÑO MÁIS: 

    • Os cereais integrais achegan enerxía e cómpre térmolos en cada comida nunha cantidade importante. Han ser o 40-50% total do prato.

    • As verduras, frescas e de tempada, cómpre cociñalas con pouca auga ou ao vapor, e a lume baixo. Han ser o 35-40% do total do prato.

    • As proteínas, en forma de legume, habemos consumilas en pequenas cantidades, aínda que frecuentemente. Se ao principio producen flatulencias, vai ben cocelas con anises ou comiños para as dixerir mellor.

    • As froitas é mellor tomalas fóra das comidas ou na sobremesa en pequenas cantidades. No inverno, mellor un pouco cociñadas e preferentemente  da estación e da nosa zona climática.

    • O peixe ideal é o branco e fresco; os azuis, ocasionalmente, aínda que todos son preferíbeis á carne. Habémonos informar de como foi pescado. Hai a opción da pesca tradicional.

    • O marisco cómpre limitalo só ás ocasións especiais ou celebracións.

    • As carnes téñenos moitos prexuízos ambientais e de saúde (alto contido en graxas saturadas e toxinas). As brancas como o polo caseiro son mellores. Habemos comer pouca cantidade, non máis de 2 veces á semana, e xunto con moitos vexetais.

    • Os lacticinios habemos reducilos ou evitalos.

    • Habemos tomar ovos, sen abusar e sempre caseiros.

    • É bo introducir os froitos secos na nosa dieta como algo habitual, e sen abusarmos da cantidade polo seu alto contido en gordura.

AO PREPARARMOS O NOSO MENÚ SAUDÁBEL: 

  • Habemos preferir o esmagador de puré ou os morteiros manuais fronte os eléctricos.

  • Remoer favorece a asimilación: mastigando ben os alimentos non precisamos comer tanto nin enchernos de líquidos para tragar aquelo que non foi ben desfeito. O hábito de xantarmos devagar, sentados, sen levantarse, favorece contra a maioría dos problemas dixestivos e calma o sistema nervioso.

  • A orde dos alimentos si que importa: no inverno ou cando faga frío, comezaremos cunha sopa quentiña que asente o noso aparello dixestivo e o prepare para asimilar os alimentos. Logo un prato básico formado por algún cereal integral, verduras cociñadas ou crúas e proteína en forma de legume ou produto animal. Finalmente remataremos cunha infusión. As froitas sempre son mellores fóra das comidas.

  • É certo que é preciso beber nas comidas? Beber no transcurso das comidas dilúe os ácidos gástricos e retarda a dixestión. O líquido do noso menú apórtao a sopa do comezo e a tisana do final.

  • E cal é a proporción ideal dos diferentes alimentos? Pois é como facemos normalmente nas paellas: abundante arroz, bastantes verduras e algo de proteína…

-Cereais integrais: arroz, pasta, cebada, millo, …serán un 40%-50% do total do prato.

-As verduras(frescas e da estación), serán o 35-45% do total do prato.

-As proteínas (en forma de legumes: garavanzos, fabas, lentellas, soxa, peixe, carne, ovos) serán o 15% do total do prato. 
 

LIBROS RECOMENDADOS

  • “Comer sano, comer bien”- Diana & Gerard Cazals- Ed Aura

  • “La nueva cocina energética”- Montse Bradford- Oceano.

  • “La dieta ecológica”- Francés Moore Lappé- Ed Integral

  • “Las verduras del mar”-Peter & Montse Bradfor- Ed Integral.