Organizacións ecoloxistas e sociais reclaman aos partidos do Senado que aposten de maneira decidida por unha lei que priorice a prevención de residuos, en cantidade e toxicidade. É o momento de adoptar medidas que poñan por diante a saúde da poboación e a das futuras xeracións.

A unha semana do último pleno do Senado, os partidos políticos teñen a oportunidade de pactar a favor do interese da cidadanía e en prol dunha economía acorde cos límites planetarios.. Unha vez que as emendas se aproben na cámara alta, a Lei de Residuos volverá ao Congreso para o seu trámite final, polo que este é un momento crucial para conseguir uns obxectivos efectivos para protexer o medio e a sociedade.

A pesar da urxencia e a necesidade de aprobar unha lei á altura da crise ecosocial, as últimas noticias parecen indicar que os representantes no Senado poden poñer en risco cinco medidas clave que propoñen as organizacións:

  1. Incorporar obxectivos de prevención de residuos máis ambiciosos

Non todo é reciclable e a mellor forma de garantir un uso eficiente dos recursos e a enerxía é a prevención de residuos. Pero só se priorizará a prevención se a lei fixa obxectivos viables pero ambiciosos: o 20% o 2025 e o 30% o 2030.

Para isto é necesario establecer obxectivos específicos como a redución do 50% dos envases dun só uso para 2025 e dun 80% para 2030. Outro fito debe ser a redución dos produtos sanitarios menstruais, cueiros e toalliñas húmidas dun só uso nun 30% para 2025 e un 60% para 2030.

En relación coa “fracción resto”, en 2035 non debería sobrepasar os 100 kg anuais por persoa (en 2019 foron 470,35 kg/hab/ano). (Fonte: Rezero a partir de fontes de MITECO e INE.)

  • Garantir a protección da saúde das persoas

Actualmente engádense substancias tóxicas en envases para uso alimentario que teñen efectos potencialmente daniños sobre a reprodución, o desenvolvemento do cerebro, a saúde das glándulas mamarias e o metabolismo, entre outros. Son enfermidades que afectan, principalmente, a mulleres embarazadas e bebés.

Polo tanto é prioritario fomentar a redución do contido de substancias perigosas en materiais e produtos e, en particular, a partir do 1 de xaneiro de 2023, prohibir a utilización de ftalatos e os bisfenoles A, S, F, B e AF en envases. É unha medida sinxela que tería un impacto directo no noso benestar.

3) Obxectivo de recuperación do 75% da fracción orgánica para 2025 cunha presenza de impropios dun máximo do 5%

Os biorresiduos de orixe doméstica deberán recollerse de forma separada antes do 30 de xuño de 2022 polas administracións locais con poboación superior a cinco mil habitantes, e antes do 31 de decembro de 2023 para o resto. Debe considerarse tamén como recollida separada de biorresiduos a separación e reciclaxe en orixe mediante compostaxe doméstica ou comunitaria.

A lei debe establecer que o sistema debe asegurar a recollida de cando menos un 75% da fracción orgánica dos residuos domésticos antes de 2025, e que a recollida se realizará sen bolsa ou con bolsa compostable. Á súa vez é necesario establecer un máximo de impropios (residuos non orgánicos), non máis dun 5%; na actualidade esta cifra é moi superior e prexudica o resultado final do compost.

4) Prohibición de aneis de plástico dun só uso para a agrupación de varios envases individuais

A lei debe prohibir o uso de aneis de plástico de usar e tirar para a distribución agrupada de varios envases. As tristemente famosas imaxes de fauna atrapada por estes elementos son xustificación suficiente para adoptar medidas contundentes, máis aínda cando existen alternativas que non presentan esta ameaza.

Precisamente sobre os envases de bebidas, o futuro Sistema de Depósito debe asegurar a incorporación de envases de vidro, latas e briks xunto ás botellas de plástico. Devolver botellas, latas e briks á tenda asegurará a súa reutilización e a súa reciclaxe en novos envases de bebida en máis dun 90% e evitará a contaminación que provoca o seu abandono masivo por rúas, gabias, campos e praias.

5) Aplicar a responsabilidade ampliada do produtor a máis sectores e incluír custos de limpeza de entornos naturais como praias e medio mariño

Os produtores deben asumir todos os custos asociados ao tratamento dos residuos que xeran, incluíndo a súa recollida de vías públicas, zonas verdes e entornos naturais, como praias e medio mariño. Actualmente é a cidadanía quen asume estes custos a través dos impostos. Ademais, é necesario aplicar a responsabilidade ampliada do produtor a sectores produtivos que aínda non asumen custe ningún da xestión dos residuos que producen, como no caso do téxtil, os produtos de hixiene íntima, colchóns, cápsulas de café, xoguetes, bengalas marítimas e embarcacións lucrativas, entre outros.

Organizacións firmantes:

● Amigos de la Tierra

● Confederación Española de Consumidores y Usuarias (CECU)

● Ecologistas en Acción

● Fridays for future

● Greenpeace

● Oceana

● Opcions

● Retorna

● Rezero

● Surfrider España