afundimento_prestige.jpgImpactos ambientais que continúan e non se avalían, marea cincenta de urbanizacións e infraestruturas, avanzos lexislativos insuficientes, problemas para a saúde, e un modelo de transporte que xerará máis desastres no futuro, é o balanzo do accidente do Prestige cinco anos despois para Ecologistas en Acción, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia, que elaboraron o informe "A catástrofe do Prestige, cinco anos despois". 

Xan Duro, coordenador de Verdegaia, afirma que "a pegada da marea negra non desapareceu totalmente en Galicia". Alén diso, "a catástrofe do Prestige non só trouxo unha marea negra. Tamén unha marea cincenta, unha marea de formigón, de consecuencias igualmente nefastas para a costa. Referímonos ás infraestruturas en cuxo impulso influíron as consecuencias políticas da catástrofe, especialmente ao porto exterior da Coruña. Ou ao crecemento da actividade urbanística, desencadeada en parte pola maior visibilidade da costa galega: un terzo dos municipios do litoral galego triplicou as súas vivendas, sobre todo segundas residencias, nos últimos tres anos".

Mais os impactos non foron só en Galicia, Cantabria foi a segunda comunidade autónoma máis afectada. Guadalupe Grandoso, de Ecologistas en Acción de Cantabria, considera que "o fuel que segue enterrado en areais e nos fondos mariños non se cuantificou, mais continúa actuando como un contaminante con efectos crónicos sobre os organismos do medio mariño. O seguemiento da evolución destes ecosistemas abandonouse, polo que será imposible determinar o alcance real desta catástrofe. No desastre do Exxon Valdez moitas especies afectadas non se recuperaron 10 anos despois".

Xosé Luís Baleato, secretario da Federación Ecoloxista Galega (FEG), sinala que "a contaminación por hidrocarburos non só procede de accidentes de petroleiros monocasco como o Prestige, senón que tamén procede, e de forma moi significativa, da limpeza de tanques en alta mar, de vertidos en portos,… o cal fai que exista un vertido permanente de petróleo ao mar.  Ademais, convén salientar que os organismos acuáticos poden acumular hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) da auga, sedimentos e alimento, o que repercute sobre a bioloxía das especies e na súa potencial toxicidade".

Sobre as implicacións para a saúde deste accidente, Xosé Veiras, de Verdegaia, comenta que "a exposición máis ou menos prolongada ao fuel durante os traballos de limpeza non foi irrelevante para a saúde a longo prazo, como proban algúns estudos. Polo tanto, os impactos sobre a saúde non foron debidamente considerados".

A seguridade do transporte marítimo 

A nivel lexislativo, producíronse avanzos desde o Prestige. Antonio Muñoz, de Ecologistas en Acción de Campo de Gibraltar, sinala que: "a Organización Marítima Internacional (OMI) e a Unión Europea (UE) aprobaron medidas contra os petroleiros monocasco, que dispoñen unicamente dunha barreira de separación entre os tanques de petróleo e o mar. A UE prohibiu a entrada en portos europeos de fuel pesado en buques monocasco, o Plano Nacional de Salvamento Marítimo aumentou máis de 6 veces o seu orzamento para o período 2006-2009,…".

Porén, Xosé Luís Baleato, secretario da Federación Ecoloxista Galega (FEG), suliña que "o transporte de cru en augas internacionais é un dos negocios máis difíciles de controlar e regular, xa que proliferan os buques abandeirados con bandeiras de conveniencia (buques pertencentes a sociedades ficticias con sede nun paraíso fiscal, como o Prestige), existen fortes intereses económicos da poderosa industria petroleira, hai ademais unha enorme complexidade xurídica á hora de buscar responsabilidades en caso de catástrofe".

Neste senso, o Estado español non avanzou moito. Luis González, coordenador de Ecologistas en Acción afirma: "Recentemente aprobouse a Lei de Responsabilidade Ambiental, que pretende conseguir que "quen contamine repare" previndo ademais dita contaminación. Pero desta normativa fican excluídos os hidrocarburos e os accidentes no mar. É dicir que, se mañán acontecese un novo Prestige, volveríamos encontrarnos cunha ineficiencia lexislativa que faría moi difícil que quen for responsable do dano o reparase, como está ocorrendo após o desastre do Prestige.".

E Antonio Muñoz recalca que: "segue existindo unha altísima sinistralidade marítima. Só nos últimos meses naufragaron perto das costas peninsulares cinco buques. O tráfico de buques non para de se incrementar, o que fai aínda máis necesario mellorarmos a seguridade marítima. Ademais  portoscomo o de Xibraltar manteñen "monocascos", asimilables a dobre casco, como gasolineiras frotantes".

Modelo de transporte insustentable na orixe das mareas negras 

Por último, Paco Segura, coodenador da área de transportes de Ecologistas en Acción, afirma que este problema é estrutural, xa que "o produto que transportaba o Prestige era fuelóleo, un residuo pesado da destilación do petróleo cru. Este fuelóleo úsase como combustible en centrais térmicas -para xerar electricidade- ou en caldeiras industriais, e para alimentar motores diesel de grande potencia, como os dos buques. Deste xeito, as grandes mareas negras teñen a súa orixe no transporte de combustible cuxo destino é xerar máis transporte ou producir electricidade sucia".

Descarga aquí o documento:

A catástrofe do Prestige, cinco anos despois