Os grupos comarcais de Amarante e Verdegaia en Compostela poñen en marcha o Ciclo de Cine "Coñecer para Cambiar" . Desenvolverase tódolos xoves do 21 de xaneiro ao 11 de marzo as 20:30hs no local social que comparten ambas organizacións na Avda. Romero Donallo, nº 17 en Santiago de Compostela. O xoves día 21 de xaneiro terá lugar a primeira sesión co documental "Grandes superficies" (María González, Pedro Ramiro, Pablo Buchó e Isidro Jiménez, 2006), producido por Ecologistas en Acción. Este documental aborda, a través dun caleidoscópio de imaxes, entrevistas e testemuños o papel da publicidade no sistema actual de sobreproducción e sobreconsumo.
Con esta actividade as organizacións implicadas pretenden abrir un espazo para o coñecemento e a reflexión acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais (consumismo, industria agroalimentar, alimentos transxénicos, desigualdade nas relacións comerciais entre países do norte e do sur, deslocalización e explotación laboral, etc), empregando a linguaxe audiovisual como vehículo de achegamento a esas realidades.
As organizacións entenden que coñecer e comprender a causa dos problemas que afectan as sociedades do Norte e do Sur representan o primeiro paso para o cambio individual e social, e por elo pretenden ofrecer a cidadanía compostelá un espazo para o intercambio de ideas sobre as temáticas abordadas nun clima distendido.
Para combater o frío e estimular o debate, ofrecerase ás persoas asistentes un chocolate de comercio xusto despois de cada proxección. A entrada é gratuíta até completar o aforo (30 persoas).