Asociacións veciñais, plataformas cidadás e ecoloxistas denuncian que as obras ‘Recuperación del sistema dunar en la playa de Samil, FASE 1A’ están, en realidade, a destruir o sistema dunar.
O proxecto de rexeneración das dunas de Samil naceu hai máis de 20 anos co obxectivo de recuperar o sistema dunar orixinal, destruído pola urbanización masiva e a construción de infraestruturas sobre a praia. O proxecto inicial, promovido polo Ministerio de Fomento e logo polo Ministerio de Medio Ambiente, contemplaba a retirada de todas as infraestruturas sobre a duna e a restauración ecolóxica integral do areal, co retranqueo de paseo, hostalería e outros servizos.
Na práctica, tras anos de paralización, o proxecto foi reactivado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Concello de Vigo, pero cun enfoque radicalmente distinto ao previsto inicialmente:
Un novo paseo de formigón e pedra, retranqueado uns 25 metros respecto ao anterior, delimitando unha franxa de area entre o muro e o mar.
Porén o tramo de muro derrubado nesta actuación correspóndese co executado a mediados dos anos 80 polo Concello que, con respecto ao muro existente nos 70, avanza aínda uns 10m cara á liña de marea. Isto significa, a maiores, que de seguir a alineación que leva o novo paseo, o “retranqueo” real sería de 15m.
O Concello de Vigo está a reurbanizar a praia!
Como funciona na práctica esta actuación sobre a rexeneración dunar?
- Barreira física: o novo muro e paseo constitúen unha barreira artificial que interrompe a continuidade natural entre a praia e o interior, impedindo a migración da area e a evolución natural das dunas. Evidénciase xa a acumulación de area contra o muro, síntoma de que a dinámica litoral segue bloqueada.
- Superficie artificializada: a franxa de area entre o mar e o novo paseo non está configurada como un sistema dunar funcional, sen vexetación pioneira nin morfoloxía propia de duna embrionaria, sen continuidade ecolóxica co pinar do fondo.
- Falta de morfodinamismo: o proxecto inicial falaba de restaurar o morfodinamismo natural do sistema praia-duna, condición indispensable para unha rexeneración real. A presenza do paseo impide este proceso: a area non pode avanzar cara ao interior nin formarse dunas activas.
Á vista do executado, as condicións para unha rexeneración real das dunas de Samil quedan anuladas pola presenza do novo paseo e muro. O proxecto, lonxe de restaurar o ecosistema, perpetúa a artificialización e bloquea a dinámica litoral, facendo inviable a recuperación dun sistema dunar funcional no futuro mentres non se eliminen estas barreiras físicas.
Así, a área convértese nun espazo artificializado e sen valor ecolóxico real, en contradición cos obxectivos ambientais e de adaptación ao cambio climático recollidos no proxecto orixinal.
Ante esta barbarie suscribimos o seguinte MANIFESTO:
Manifesto contra a reurbanización da Praia de Samil
Alarmados ante o desatinado avance das obras de ‘Recuperación del sistema dunar en la playa de Samil, FASE 1A’, queremos manifestar que:
- Apoiamos todas as iniciativas para a recuperación ambiental do Complexo Litoral de Samil, da praia e dos sistema dunares e húmidos asociados, o que consideramos totalmente positivo e necesario para a rexeneración ambiental da propia cidade e da ría de Vigo, todo o cal é unha vella aspiración da veciñanza, non só na cidade, mais en toda a bisbarra.
- Denunciamos que as obras están estendendo o paseo entre as praias de Samil e A Fonte, destruíndo un espazo protexido polo Plan de Ordenación Litoral da Xunta de Galicia.
- Este espazo está de feito protexido porque acolle a última gran área dunar do que foi o grande areal de Samil, aínda (mal que ben) conservada. Por tanto, denunciamos que o proxecto de ‘Recuperación del sistema dunar en la playa de Samil, FASE 1A’, ao tempo que dunha banda retranquea o paseo, de feito está a destruír o sistema dunar protexido que di ‘recuperar’.
- Esiximos a inmediata paralización das obras promovidas polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que están a destruír o pouco que queda das dunas no espazo protexido polo Plan de Ordenación do Litoral da Xunta de Galicia, e a inmediata e adecuada rexeneración ambiental do desfeito.
- Demandamos a reconsideración completa da estratexia futura de recuperación do Complexo Litoral de Samil, apostando por solucións de rexeneración naturais e económicas e non confundir ‘recuperación natural’ con ‘axardinamento’ e ‘obras millonarias’.
- Rexeitamos calquera nova ‘concesión privada’ neste privilexiado espazo público e demandamos a progresiva recuperación e extinción das existentes.
- Solicitamos o compromiso do Concello de Vigo coa recuperación do Complexo Litoral de Samil, con transparencia, coa participación cidadá e contando coas institucións científicas da cidade.




















