1a.jpgOs pasados 12 e 13 de marzo Verdegaia celebrou a súa V Asemblea Xeral, coincidente co quinto aniversario da constitución da asociación. O desenvolvemento da asemblea contou coa colaboración do Museo do Pobo Galego que cedeu as súas instalacións.

Tras o debate e aprobación dos distintos informes e planos sobre o traballo desenvolvido e as perspectivas de actividade no 2011, realizouse un obradoiro sobre activismo e participación co obxectivo de avaliar a realidade do activismo e a participación na nosa sociedade, máis nestes tempos de importantes dificultades.

Con motivo deste V aniversario da constitución de Verdegaia, celebrouse tamén un pequeno encontro lúdico de socios e socias que contou coa participación do narrador Celso Fernández Sanmartin.

Como colofón da asemblea e atendendo ás problemáticas da comarca onde traballa o Núcleo Comarcal de Compostela , responsábel da organización desta V Asemblea, aprobáronse as seguintes mocións:

  • Verdegaia manifesta o seu máis profundo rexeitamento polo sacrificio inxustificado de 391 animais sans no refuxio de Bando no último ano. Esiximos ao Concello de Compostela, e aos de Ames, Boqueixon, Brion, Teo e Vedra, así como da Xunta de Galicia, que se dispoñan as instalacións, persoal e medios precisos para atender axeitadamente o todos os animais abandonados para que o refuxio sexa un refuxio e non un corredor da morte. Instamos ás devanditas institucións a acometer as obras e investimentos necesarios para dar cumprimentos á lei 1/93 de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade da comunidade autónoma de Galicia e a demais lexislación protectora, e de feito a non xustificar a situación actual nunha suposta fala de fundos, que si están dispoñíbeis para actuacións de mellor rendemento electoral

     

  • Verdegaia oponse a execución do plano especial para as Brañas de Sar por supor esta actuación xusto o contrario do que declara procurar, a preservación deste espazo natural. En primeiro lugar exclúe arbitrariamente do ámbito grande parte do propio ecosistema, o que supón a súa urbanización. En segundo lugar dentro do ámbito consolida as diferentes agresións acontecidas nos últimos anos e programa artificializar aínda máis esta superficie. En terceiro lugar, as actuacións dentro do espazo restante son agresivas, compartimentando e facilitando a presenza humana continuada até o último recuncho, cunha densa rede de accesos. Por esas e outras razóns,Verdegaia solicita o retirado do PE-3R e a abertura dun proceso de participación para elaborar un plano que si contemplara a protección e conservación deste singular espazo natural ao pé do casco urbano de Compostela

 

1.jpg