A RA! (Rede Anticapitalista) e os colectivos e as persoas que a conforman , asinamos o manifesto elaborado polo Foro da Inmigración, e aprobado na recén celebrada ASEMBLEA GALEGA DE MIGRANTES E EMIGRATES RETORNADOS, contra o anteproxecto da reforma de Lei de Estranxeira, que supón un ataque frontal contra os dereitos humanos e persegue dificultar á vida as persoas migrantes. Asemade, imos participar e apoiar coa nosa presenza a manifestación que en favor dos dereitos dos inmigrantes vaise celebrar en Compostela o sábado 27 de xuño a partir das 12,00 horas en Compostela (dende a Alameda ás Praterías).
Galeg@s polo mundo… e sen papeis
Entre 1910 e 1980 un total de 1.202.269 galegos e galegas emprenderon a aventura bíblica, como escribira Xosé Manuel Beiras, da emigración, sobre todo a transoceánica. A sangría foi especialmente dura durante as tres primeiras décadas do século XX, nas que cada ano marchaban da terra nosa case 37.000 persoas, na súa meirande parte hacinadas nos barcos de grandes empresas, como as Compañías Hamburguesas, que recalaron nos nosos portos por mor dos gorentosos ingresos que xeraba a obrigada emigración.
42 de cada 100 persoas que abandonaron o Estado español nas primeiras oito décadas do século antedito eran galegas. Non é pois de extrañar que "galego" sexa sinónimo de "español" en media América Latina. Asemade, a cuestión foi especialmente grave se temos en conta que a poboación galega nunca superou o 10% da poboación do estado español. O país quedou deserto.
Galiza "exportou", xa que logo, máis dun millón de sen papeis a moitísimos países do mundo. Xentes que por mor das súas miserábeis condicións de vida foron recibidas por outras alén dos mares. Tería sobrevivido o pobo galego ao século XX sen a axuda de quen nos recibiu?
Agora, cunha preocupante e reprobábel desmemoria, e o que é peor, cunha noxenta falta de sensibilidade, soan laídos contra quen por necesidade nos pide axuda para que as súas familias, esmagadas por un sistema de libre comercio no que as accións de bolsa son máis importantas cás vidas, poidan sobrevivir. As institución da UE, ben apoiadas polo Estado español, viran á dereita para dar cabida a formacións de ultradereita que fomentan o odio ás persoas migrantes. CÓMPRE RECUPERAR A MEMORIA. TOD@S SOMOS SEN PAPEIS.
Estase a producir, conicidindo con esta crise que serve de escusa para reducir os avances sociais conqueridos por décadas de loita da cidadanía, un retroceso nos dereitos das persoas inmigrantes (claro exemplo diso é a construcción da Europa fortaleza e o chamado tratado da vergoña, que criminaliza as persoas máis vulnerábeis do planeta). No Estado español, o anteproxecto da reforma de lei de estranxeira supón un ataque aos dereitos humanos e persegue sancionar á vida as persoas migrantes. Ninguén emigra por pracer.
Por todo isto, facemos un chamamento á cidadanía galega para que se manifeste polos dereitos das persoas migrantes este sábado 27 de xuño en Compostela. Porque é de xustiza.
Tamén en Europa
Ao tempo, as redes coas que a RA! ten alianzas, están tamén a desenvolver accións en toda Europa. A RA! tamén apoia o CAMPAMENTO EUROPEO ‘NO BORDERS, NO NATIONS’, que ten lugar en Calais (Francia) do 23 ao 29 de xuño. Polo dereito de libre circulación das persoas e pola abolición das fronteiras e os controis migratorios. + INFO: calaisnoborder.eu.org
MANIFESTO DO FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Ante o acoso policial que están sufrindo a poboación inmigrante en situación irregular e as persoas que lles prestamos apoio solidario, afirmamos que a solidariedade con este colectivo é unha conduta que ennobrece a quen a practica e unha obriga moral por razóns de reciprocidade histórica. Lembremos que entre 1959 e 1973, dous millóns e medio de cidadáns e cidadás españolas emigraron a Europa, sendo a maioría emigrantes irregulares ou sen contrato de traballo.
Tampouco podemos esquecernos da débeda contraída cos países empobrecidos, que ten a súa orixe no período colonial, mais que segue perpetuándose a día de hoxe a través de políticas internacionais que poñen os intereses económicos das nacións desenvolvidas por riba do dereito das persoas a poder vivir e traballar dignamente, alargando deste xeito a fenda de desigualdade entre os pobos.
Ao tempo, as guerras, os conflitos armados e a persecución política xeran millóns de persoas refuxiadas e desprazadas no mundo (concretamente, 37,4 millóns no pasado ano segundo os datos de ACNUR). É, por tanto, un deber ético evitar que calquera persoa inmigrante sexa deportada e enviada de novo á situación da que vén fuxindo.
Rexeitamos que a Unión Europea se converta nunha fortaleza inexpugnábel para aquelas persoas que, na procura dunha vida mellor, se ven obrigadas a abandonar o seu país. En épocas aínda recentes, era a cidadanía europea a que buscaba o sustento noutras latitudes. En Galiza, nomes como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Daniel Castelao van unidos á emigración ou ao exilio.
Rexeitamos o Anteproxecto de Reforma da Lei de Estranxeiría que, aínda que presenta algúns aspectos positivos, incorpora puntos que representan un claro prexuízo para os dereitos fundamentais do colectivo inmigrante, como a posibilidade da repatriación de menores de idade; o endurecemento das esixencias para a reagrupación familiar; a criminalización da solidariedade ou o intolerable incremento do período de estadia nos centros de internamento.
Rexeitamos de igual modo a incentivación do retorno da poboación inmigrante mediante o pagamento acumulado das prestacións de desemprego. As e os inmigrantes debemos ser tratadas como persoas e non só como forza de traballo que interesa unicamente cando a situación económica nos necesita.
Finalmente, afirmamos con rotundidade que a inmigración é un proceso beneficioso. Non só supón unha gran achega económica por tratarse dunha poboación moi nova que contribúe co seu esforzo laboral a financiar as prestacións sociais, senón que o contacto entre as sociedades de acollida e as culturas foráneas implica sempre un mutuo enriquecemento humano.
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, publicados en xaneiro de 2009, polo menos unha de cada 10 persoas que habitan no Estado español é inmigrante. Estas persoas son as nosas veciñas, compañeiras de traballo ou de estudos; comparten connosco unha grande variedade de espazos e polo tanto é máis que probable que na nosa vida cotiá escoitáramos da súa propia voz a reivindicación que hoxe impulsa este manifiesto:
"As persoas inmigrantes somos partícipes activas desta sociedade, non buscamos ser máis nin menos que ninguén, só pretendemos que na nosa condición de cidadás e cidadáns teñamos os mesmos dereitos e oportunidades que os demais membros desta comunidade". E por iso queremos dicir ben alto: "Dereitos iguais para todos e todas".
E POR ISO QUEREMOS DICIR BEN ALTO: "DEREITOS IGUAIS PARA TOD@S"
+INFORMACIÓN: O Foro Galego de Inmigración é unha asemblea aberta, composta por unhas 80 asociacións de inmigrantes e entidades de carácter social, sindical e político de toda Galiza. http://forogi.wordpress.com
A Rede galega Anticapitalista, é unha alianza de colectivos e movementos galegos para a superación do capitalismo, o sistema máis noxento e inxusto inventado polo poder. http://www.redeanticapitalista.org