5. UNHA ESTRATEXIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL
“Cómpre actuarmos con prudencia na xestión e ordenamento de todas as especies vivas e todos os recursos naturais conforme aos preceptos do desenvolvemento sustentábel … É preciso modificarmos as actuais pautas insustentábeis de produción e consumo en interese do noso benestar futuro e no dos nosos descendentes.
Non debemos escatimar esforzos por liberarmos a toda a humanidade, e nomeadamente aos nosos fillos e netos, da ameaza de viviren nun planeta irremediabelmente danado polas actividades da especie humana, e cuxos recursos xa non abonden para satisfacer as súas necesidades“.
Declaración do Milenio das Nacións Unidas (resolución 55/2 da Asemblea Xeral)
A sustentabilidade non pode ser un plan ou unha estratexia máis. Debe ser un eixo de referencia transversal, polo que a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel (EGDS) debe ocupar un lugar central na acción de goberno. A asociación ecoloxista Verdegaia non quere unha EGDS para que todo siga máis ou menos igual. Demanda unha EGDS ambiciosa, realista e efectiva.
A Xunta de Galicia presentou a “Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostíbel”[10] en xuño de 2005, en plena campaña das pasadas eleccións autonómicas, o que non pode ser interpretado máis que como un simple xesto electoralista. Entre as graves carencias deste documento, cómpre salientar e escasa participación social na súa elaboración, o cativo respaldo político que recibiu dentro da Xunta (como evidenciou a ausencia do Presidente da Xunta e do conxunto dos conselleiros na súa presentación), a debilidade da súa aposta pola sustentabilidade ecolóxica e un deficiente sistema de indicadores para a avaliación e seguemento da Estratexia. O actual Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, segundo anunciou publicamente e informa na súa web, está a revisar a Estratexia aprobada polo Goberno anterior.
Para que a Estratexia sexa un instrumento decisivo para avanzar cara a sustentabilidade, e non só a nivel galego senón tamén global, coidamos fundamental ter en conta as seguintes consideracións metodolóxicas: ligazón coa Axenda 21, reforzo mutuo coa Estratexia Europea de Desenvolvemento Sustentábel, dimensión externa sólida, visión a longo prazo, transparencia e participación social intensa, compromiso político forte, integración sectorial, implicación dos concellos e as deputacións provinciais, obxectivos concretos, indicadores adecuados e avaliación e seguemento rigorosos.
–LIGAZÓN COA AXENDA 21. A Axenda 211] tense popularizado algo nos últimos anos na súa aplicación ao ámbito local, tamén en Galicia, onde se iniciaron os primeiros procesos de Axenda 21 local en 2001. Porén, a Axenda 21 -tamén denominada Programa 21- vai máis alá do ámbito local. De feito, só dedica un dos seus 40 capítulos ás iniciativas das autoridades locais.
A Axenda 21 foi aprobada na Conferencia das Nacións Unidas (NNUU) sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento (Rio de Janeiro, 1992) como un Plano de Acción. Propón accións en ámbitos diversos e establece nove grupos principais cuxa participación é vital para avanzar cara á sustentabilidade: a muller; a infancia e a mocidade; os pobos indíxenas; as organizacións non gobernamentais (ambientalistas, sociais,…); as autoridades locais; os/as traballadores/as e os sindicatos; o comercio e a industria; a comunidade científica e os/as labregos/as.
A Axenda 21 introduciu o concepto das estratexias nacionais de desenvolvemento sustentábel como medio de integrar os obxectivos económicos, sociais e ambientais nun plano de acción enfocado estratexicamente. O plano para a implementación do Programa 21 adoptado polas NNUU fixou o ano 2002 como a data límite para que todos os países formulasen as súas estratexias. Porén, algúns estados, entre eles o español, aínda carecen de estratexias para a sustentabilidade.
A aplicación da Axenda 21, a nivel global, e en particular no noso país, ten sido escasa[12], a pesar de se tratar dun documento, en teoría, asumido polos gobernos. Aínda que a Axenda 21 pode ser obxecto de críticas importantes desde unha perspectiva ecoloxista, consideramos que se trata dun marco de referencia ineludíbel que debe ser tido en conta na elaboración da EGDS, así como o Plano de Implementación[13] aprobado no Cumio Mundial das NNUU sobre Desenvolvemento Sustentábel (Johannesburg, 2002).
-REFORZO MUTUO COA ESTRATEXIA EUROPEA DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL. A Estratexia Europea de Desenvolvemento Sustentábel (EEDS), aprobada en 2001, vén de ser revisada polo Consello de Xefes de Estado e de Goberno da UE en xuño deste ano. A pesar das súas carencias, a EEDS é, como a Axenda 21, un marco que debe ser tomado en consideración á hora de elaborar a EGDS. Desde Verdegaia achamos que as estratexias europea e galega deben reforzarse mutuamente, especialmente naqueles aspectos máis avanzados para un país coma o noso: loita contra as alteracións climáticas, transporte sustentábel, implementación da Rede Natura 2000, promoción da ecoinnovación, incremento da axuda oficial ao desenvolvemento dos países empobrecidos,…
O anterior aplícase tamén á futura Estratexia Española de Desenvolvemento Sustentábel, no caso de que for aprobada[14]. Non debemos limitarnos ao papel de simples receptores das estratexias europea e española. É desexábel que as institucións e a sociedade galegas acheguen a perspectiva da nosa terra nos procesos de elaboración e/ou revisión destes documentos pois, como é obvio, ambas as dúas teñen unha incidencia notábel sobre o noso país.
-DIMENSIÓN EXTERNA SÓLIDA. A EGDS debe garantir que a procura da sustentabilidade a nivel galego contribúa á sustentabilidade global, polo que considerará os impactos, tanto a nivel interno como externo, de todas as políticas. Trátase de incorporar o obxectivo de asumir as nosas responsabilidades internacionais -recoñecido formalmente na Declaración da UE relativa aos principios orientadores do desenvolvemento sustentábel- no sentido de promover a sustentabilidade global, na medida das nosas responsabilidades, e de asegurar a coherencia das políticas galegas coa sustentabilidade global e co cumprimento de compromisos asumidos internacionalmente como, por exemplo, o Protocolo de Quioto. Trátase dunha cuestión de grande importancia, que conleva implicacións de fondo calado[15].
A Galicia sustentábel á que aspiramos só é posíbel e desexábel no contexto dun mundo radicalmente diferente ao actual, no que as sociedades consumistas do Norte global -de cuxo grupo forma parte, sen dúbida, o conxunto da sociedade galega, aínda que non figure entre as máis consumistas- non baseen o seu benestar, en boa medida, na “exportación de insustentabilidade”, na apropiación de parte do “espazo ambiental” (recursos naturais, capacidade de asimilación de dióxido de carbono) necesario para mellorar condicións de vida nas sociedades empobrecidas do Sur sen superar os límites ambientais.
Da mesma forma que temos a obriga ética de contribuírmos a reducir a enorme débeda ecolóxica do Norte enriquecido co Sur empobrecido, é preciso evitarmos situacións de “importación de insustentabilidade” que se dan no noso país, nomeadamente no relativo á produción e exportación de electricidade ao resto de España.
–VISIÓN A LONGO PRAZO. A EGDS debe basearse nunha visión a longo prazo construída sobre un acordo social e político o máis amplo posíbel. Debe superar o inmediatismo, ligar o curto prazo co medio e o longo prazo, implementar nocións de equidade interxeracional. Propomos que o prazo de execución da EGDS sexa de 25 anos, con revisións, como moito, cada 4 anos. A pretensión non sería atinxir a sustentabilidade nos próximos 25 anos, senón cumprir as metas e obxectivos contemplados na Estratexia para nos achegarmos á sustentabilidade.
-TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN SOCIAL INTENSA. A apropiación social da EGDS é unha das chaves do seu éxito. Para iso cómpre estimular desde a Xunta a participación da cidadanía, tanto da organizada (en asociacións ambientais, sindicatos, asociacións de veciños,…) como da non organizada, tanto na elaboración da estratexia como na súa implementación e seguemento. Só así a EGDS poderá ser obxecto do amplo respaldo social de que precisa e será posíbel o compromiso activo da cidadanía no seu desenvolvemento.
Unha das vías de participación social na elaboración e seguemento da Estratexia prevista pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel é o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel. Porén, o novo deseño deste órgano consultivo, aínda que mellora nalgúns aspectos o anterior, non favorece na medida necesaria a participación social, a través do fortalecemento do seu papel, capacidade e independencia[16]. O novo Goberno autonómico mantén, en grande medida, a aposta do anterior por un Consello “gobernamental”, a pesar de que foi identificado como un dos factores de éxito destes Consellos a ausencia neles de membros do Goberno ou a súa presenza só coma observadores[17]. A reforma realizada do Consello é un mal sinal sobre as intencións da Consellería de Medio Ambiente a respecto da promoción da participación social na EGDS. Por outro lado, a Consellería semella ignorar o Consello Económico e Social (CES) na elaboración e seguemento da EGDS, malia ser o principal órgano consultivo da Xunta.
Tampouco é positivo o feito de que a Consellería de Medio Ambiente prevea iniciar a fase de participación cidadá unha vez que o documento base da EGDS estea concluído, e non na fase de borrador inicial. Isto posibilitaría unha maior influencia social na redacción da Estratexia. Ademais, a participación debería conlevar o acceso a posíbeis informes e estudos preparados ou encargados pola Xunta de cara á elaboración da EGDS.
Proceso de elaboración da EGDS previsto pola Consellería de Medio Ambiente e DS
O proceso de elaboración da EGDS, do que non se coñece publicamente ningún cronograma, alén da vía de participación formal (Consello de Medio Ambiente) prevé outra informal “articulada a través de instrumentos complementarios, entre os que podemos destacar a teleparticipación, consultas temáticas”. Entre os instrumentos deberían incluírse a celebración de xornadas comarcais ou supracomarcais, de xornadas temáticas, e dunha conferencia galega para a sustentabilidade, a xeito de foros para o debate sobre a sustentabilidade e a EGDS.
-COMPROMISO POLÍTICO FORTE. A EGDS non debe ser considerada na práctica coma un plano dunha Consellería, a de Medio Ambiente, moito menos aínda coma unha iniciativa de técnicos dunha Dirección Xeral, a do Desenvolvemento Sustentábel. É un risco ao que, sen dúbida, contribúe o feito de que a Estratexia sexa impulsada por unha Consellería e non pola Presidencia da Xunta, a diferenza do acontecido noutros países[18].
A sustentabilidade é un proceso político que require decisións chave e que abrangue toda a acción de goberno. O liderado desde o nivel máis alto do Goberno é fundamental, para garantir a coherencia e para resolver os inevitábeis conflitos entre áreas do goberno, polo que entendemos que é preferíbel que a EGDS se vencelle directamente á Presidencia da Xunta, a través da creación dunha Secretaría da Sustentabilidade e dun Comité interdepartamental para a Sustentabilidade. Outra posibilidade sería a creación dunha Vicepresidencia para a Sustentabilidade, sempre e cando puidese exercer influencia real sobre todo o Goberno e mantivese unha ligazón moi estreita coa Presidencia. Deixar o liderado da EGDS en mans da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, con menos peso político que outras tan ou máis determinantes desde o punto de vista da sustentabilidade, xera moitas dúbidas sobre a relevancia política real da EGDS.
-INTEGRACIÓN SECTORIAL. A integración sectorial (transversalidade) é un requisito para o éxito da EGDS. Esta debe ter en conta que todas as estratexias, planos e programas da Xunta, as actuais e as futuras, sexan coherentes co obxectivo da sustentabilidade, así como xerar sinerxías entre as diferentes Consellerías.
-IMPLICACIÓN DOS CONCELLOS E DAS DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS. Un dos factores de éxito ou fracaso da EGDS será o compromiso con ela das Administracións locais. As competencias e os recursos que posúen os Concellos e as Deputación poderían ser de grande axuda para promover cambios no terreo a favor da sustentabilidade , en materias tan importantes coma o transporte, os residuos urbanos ou a auga.
A EGDS debería promover a implementación de Axendas 21 locais (A21L), de acordo cos mesmos criterios que aquí se propoñen para a Estrategia Galega. As Axendas 21 locais, que deben ser estratexias locais para o desenvolvemento sustentábel, teñen que conectarse coa EGDS para se reforzaren mutuamente.
O incentivo e apoio de niveis superiores das Administracións tense revelado como un factor decisivo na promoción das A21L. O escaso compromiso neste sentido, tanto da Xunta como das Deputacións, é unha das causas que explican a cativa implantación da A21L no noso país. Desde Verdegaia reclamamos un apoio moito maior das Administracións estatal, autonómica e provincial ao desenvolvemento das A21L, destinando a este fin un volume de recursos humanos e económicos máis alá do testemuñal[19].
-OBXECTIVOS CONCRETOS E RESPONSABILIDADES DEFINIDAS. A EGDS non é para que todo siga máis ou menos como está, ou para usar como suposta proba de compromiso gobernamental coa sustentabilidade. Para que sexa un instrumento útil é preciso que estableza obxectivos cuantificados, fixe prazos de tempo e determine os responsábeis de pór en marcha as medidas necesarias.
-INDICADORES ADECUADOS. A EGDS deberá establecer un completo sistema de indicadores, cuantitativos e relevantes, útil para avaliar, tanto por parte das institucións como da cidadanía, os avanzos e recuos en materia de sustentabilidade, e poder valorar así a incidencia da EGDS sobre a realidade. O cálculo destes indicadores debería corresponder a un Observatorio Galego da Sustentabilidade, de carácter técnico e independente das Administracións.[20]
-SEGUEMENTO E AVALIACIÓN RIGOROSAS. A EGDS non debe ser un documento estático, debe evolucionar a medida que muden as prioridades sociais, aparezan novas opcións tecnolóxicas, avance o coñecemento científico ou se dispoña de información sobre os custos e efectividade das escollas políticas. A aprendizaxe, a adaptación e a mellora continua deben ser características intrínsecas da EGDS.
Propomos que a Xunta divulgue anualmente unha memoria sobre os progresos na implementación da EGDS, comparando as realizacións coas metas e os prazos fixados. Ese informe sería debatido no Consello Económico e Social, no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel e no pleno do Parlamento.
Asemade, cada Consellería presentará un informe sobre a contribución do seu respectivo proxecto de orzamentos anual á aplicación da EGDS[21].