4. A INSUSTENTABILIDADE DA GALICIA DE HOXE

Galicia é un país insustentábel, e éo cada vez máis. Seleccionamos algúns indicadores de sustentabilidade que, sen a pretensión de ofrecer un retrato completo da realidade, para o que sería preciso un conxunto moito máis amplo de indicadores, chaman a atención sobre algúns aspectos especialmente destacábeis da Galicia insustentábel de hoxe.

-PEGADA ECOLÓXICA. A pegada ecolóxica é un indicador sintético de sustentabilidade que estima o espazo de terra e de auga necesario para producir os recursos que necesita un país e para absorber os residuos que xera. O feito de que a nosa pegada ecolóxica sexa tan alta, mesmo superior á do conxunto de España,  explícase, en grande medida, polas emisións de dióxido de carbono (CO2) das centrais térmicas das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA). Unha parte da súa produción eléctrica consúmese en Galicia e outra expórtase.  

  4

Fonte:”Desarrollo sostenible y huella ecológica”. Federico Martín Palmero, Departamento de Análise Económica e Administración de Empresas da Universidade da Coruña (editor). Editorial Netbiblo (2004).

-EMISIÓNS DE GASES DE EFECTO INVERNADOIRO. As emisións galegas de gases causantes do cambio climático non deixaron de medrar desde 1990, ano base do Protocolo de Quioto, especialmente no transporte.  Hoxe xa triplicamos o límite de aumento das emisións fixado polo Protocolo de Quioto para o conxunto do Estado español no horizonte 2008-2012. Alén de sermos un dos países de Europa onde máis medran as emisións, temos unhas emisións medias por habitante moi altas (15 toneladas en 2005), mesmo superiores ás españolas e ás europeas. Esta diferenza é debida ás enormes emisións CO2 das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama.

5

Fonte: Revista Worldwatch e Departamento de Medio Ambiente de CCOO, baseándose en fontes oficiais.

 

-CONSUMO DE ELECTRICIDADE. O consumo bruto[8] de electricidade en Galicia e no conxunto de España non deixa de medrar ano tras ano, mesmo a ritmos superiores aos do crecemento económico, o que é sinal da baixa eficiencia enerxética. Ademais, hai que ter en conta que só o 35,9 % da electricidade producida en Galicia é de orixe renovábel[9], sendo o carbón, de importación ou autóctono, a principal fonte de electricidade.

 6

Fonte: Balance enerxético de Galicia 2004. Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

 

-GRAO DE NATURALIDADE DOS BOSQUES. Contrariamente á crenza xeral, en Galicia hai poucos bosques e moitas plantacións forestais, como resultado de décadas de política forestal produtivista á medida dos intereses das industrias de trituración da madeira (celulosas, taboleiros).  O 65% da superficie arborizada da nosa terra non son verdadeiros bosques senón plantacións, en moitos casos moi vulnerábeis aos lumes e cunha deficiente xestión desde o punto de vista ecolóxico.

  7 

Fonte: O monte galego en cifras. Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia (2001)

 

-SUPERFICIE ARTIFICIALIZADA. No período 1987-2000 as superficies artificializadas foron as que experimentaron unha maior variación, medrando case un 20%, un aumento que semella moi relevante en termos históricos.  A principal causa deste incremento foi a construción de infraestruturas de transporte, que á súa vez favorecen o crecemento urbanístico disperso para primeira ou segunda residencia. Entre 1990 e 2000, a poboación medrou o 3,5% en Europa e a superficie artificializada nun 13,8%, mentres que en España os aumentos respectivos foron do 4,3% e do 25,4%.

8

Fonte: Instituto Nacional de Estadística e “Cambios de ocupación del suelo en España: implicaciones para la sostenibilidad” Observatorio de la Sostenibilidad en España (2006).

 

-REDE NATURA 2000. Galicia está á cola de España en porcentaxe de superficie terrestre que forma parte da Rede Natura 2000 (Lugares de Interese Comunitario e Zonas de Especial Protección das Aves). Alén diso, os espazos galegos Natura 2000 adoitan carecer de planos de xestión e son obxecto a miúdo de agresións ambientais.

9

  Fonte: Gráfico extraído de “Perfil ambiental de España 2006”. Ministerio de Medio Ambiente.

 

PRODUCIÓN DE RESIDUOS URBANOS. Entre 1998 e 2003, a xeración de lixo incrementouse nun 23% na nosa terra. O forte crecemento da produción de lixo é un sinal de ineficiencia no uso dos recursos naturais. Para a sustentabilidade é máis importante a redución cá reciclaxe, pero practicamente non se está a facer nada desde as diferentes administracións para prevenir a xeración de lixo.

10

Fonte: Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia

 

-AGRICULTURA ECOLÓXICA. O fomento da produción e consumo de alimentos de agricultura ecolóxica é unha das chaves do desenvolvemento rural sustentábel. A porcentaxe de superficie de agricultura ecolóxica en relación coa superficie agraria utilizada total é moi baixa no noso país, como se ve no gráfico seguinte, con datos de 2004. Porén, segue sen haber un plano con obxectivos cuantitativos para impulsar decididamente a produción e o consumo en Galicia de alimentos ecolóxicos.

  11

Fonte: Gráfico extraído de “Perfil ambiental de España 2006”. Ministerio de Medio Ambiente.

 

-AXUDA OFICIAL AO DESENVOLVEMENTO (AOD). A AOD é un dos instrumentos para a diminución das desigualdades Norte-Sur, o que é un requisito fundamental para avanzar cara a sustentabilidade global. A AOD da Xunta é escasa e de baixa calidade, estando moi lonxe do 0,7. O Plano Director de Cooperación Galega (2006-2009) para o Desenvolvemento(2006-2009) é un esperanzador paso adiante. De se cumprir, a calidade da cooperación galega mellorará sustancialmente e atinxirá o 0,4% do orzamento autonómico en 2009.

12
Fonte: Xunta de Galicia