2. DE QUE FALAMOS CANDO FALAMOS DE SUSTENTABILIDADE?

O concepto de desenvolvemento sustentábel ou de sustentabilidade, que aquí usamos como sinónimos, é susceptíbel de diversas interpretacións. Aínda que  a definición contida no informe “O noso futuro común”, elaborado pola Comisión Mundial sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento (a “Comisión Brundtland”)[1] é a máis difundida, téñense rexistrado unhas 300 definicións de desenvolvemento sustentábel ou sustentabilidade. Estas definicións son produto de visións diferentes do mundo, de distintas ideoloxías, de determinados valores e intereses.

En moitas ocasións, comprobamos como se usa o concepto de sustentabilidade cunha función meramente retórica, recorrendo a el mesmo para xustificar opcións ambientalmente prexudiciais. Como escriben Healy e Shaw, “dado que o concepto pon en tea de xuízo as prácticas establecidas e as relacións de poder existentes, hai forzas que non só queren evitar que atinxa importancia política, senón que, a causa de intereses creados de orde económica e política, pretenden impor determinadas interpretacións do mesmo”[2].

Consideramos importante aclarar cal é o noso xeito de entender a sustentabilidade, para así poder comprender mellor a nosa visión da Galicia sustentábel á que aspiramos e a natureza das propostas que defendemos de cara á elaboración da Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel.

En primeiro lugar, queremos salientar que a sustentabilidade ecolóxica que defendemos é de tipo forte. Esta visión avoga por manter intacto o capital natural, ao entender que non é xeralmente substituíbel polo producido pola especie humana. Polo tanto, cómpre evitarmos a súa deterioración. 

O ámbito espacial de referencia para nós é o global, é o conxunto do planeta. A procura da sustentabilidade a escala galega debe converxer coa procura da sustentabilidade a escala global. Non queremos un país coas súas paisaxes moi ben coidadas mais con estilos de vida e formas de producir que supoñan a degradación doutros territorios e a alteración do clima global, un país que sustente o funcionamento da súa economía  na importación masiva e crecente de recursos (combustíbeis fóseis, minerais, alimentos,…) e na apropiación dunha parte moi superior á que nos correspondería por poboación da capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2) do planeta. Como afirma Jorge Riechmann, “”Ollos que non ven, corazón que non sente” non pode ser o lema dos movementos sociais críticos: pola contra, trátase de asumir responsabilidades. ¡Desenvolvemento sustentábel non pode ser exportación de insustentabilidade!”[3].

O  concepto de sustentabilidade co que nos identificamos comprende unha serie de elementos, entre os que destacamos os seguintes:

-A IMPORTANCIA DA AUTOLIMITACIÓN. O crecemento económico non pode sobrepasar os límites ambientais, non debemos esquecer que vivimos nun mundo con recursos esgotábeis e cunha capacidade limitada de asimilar os impactos da actividade humana. Nun planeta finito, non é posíbel o crecemento material indefinido, a expansión continuada da produción e o consumo, sen degradar as condicións das que depende a vida.  A escala global, a escala do planeta,  xa superamos os límites ambientais, polo que é preciso facer un axuste ambiental da economía a nivel mundial.

-MÁIS ALÁ DO CRECEMENTO ECONÓMICO. Rexeitamos a asimilación entre desenvolvemento sustentábel e crecemento económico sustentábel ou sustentado. Estes dous conceptos claramente diferenciados a nivel académico non poden ser usados como análogos. O desenvolvemento sustentábel implica unha noción de benestar que inclúe tamén compoñentes non monetarias (calidade ambiental, cohesión social, saúde,…), que non aparecen refletidas nas oscilacións do Produto Interior Bruto. É posíbel o desenvolvemento sen crecemento do consumo de enerxía e de materias primas, sen destrución ambiental. É significativo que no Informe Brundtland non se usase a expresión “crecemento sustentábel”.

-UN COMPROMISO FORTE COA EQUIDADE. É preciso repartir de forma xusta a riqueza e os beneficios e os custos ambientais para que, sen superar os límites ambientais, todas as persoas teñan a posibilidade de gozaren dunha vida saudábel e confortábel. A equidade humana ten dúas dimensións: xeracional (entre países, clases sociais, sexos e razas) e  interxeracional (entre as xeracións actuais e as futuras). Este compromiso coa equidade humana implica, por unha banda, unha importante redistribución, especialmente entre o Norte enriquecido e o Sur empobrecido e, pola outra,  pensarmos no futuro, termos visión a longo prazo. Á xustiza humana cómpre engadir a xustiza interespecífica (entre a especie humana e o resto das especies). Debemos deixar espazo para que poidan vivir os seres vivos non humanos que comparten connosco o planeta. Non somos nin os únicos nin os derradeiros habitantes do planeta.

SUFICIENCIA E EFICIENCIA. A eficiencia, facer o mesmo con menos cantidade de enerxía e recursos, é necesaria pero non é suficiente. Non abonda con tecnoloxías máis eficientes, son precisos tamén cambios estruturais e de valores sociais que leven á suficiencia, á moderación, á renuncia ao consumismo. Como sinala a Axenda 21, “para lograr un desenvolvemento sustentábel requeriranse eficiencia na produción e cambios no consumo para optimizar os recursos e minimizar a xeración de residuos”[4]. Precisamos unha revolución da suficiencia e a eficiencia.

PARTICIPACIÓN SOCIAL PROFUNDA. A sustentabilidade só en parte é un asunto de carácter científico-técnico. O saber científico-técnico debe ser tido en conta, mais é “neutro”, é dicir, pode ser empregado con finalidades diferentes[5]. Por iso, e como acreditamos nunha democracia participativa, achamos necesaria unha participación social ampla e profunda para decidir as políticas para a sustentabilidade. Particularmente importante nos parece reforzar a influencia no proceso decisorio das organizacións sociais que defenden intereses non representados e dificilmente representábeis (organizacións ecoloxistas, asociacións veciñais, ONGDs,…). A participación social supón un exercicio de responsabilidade e implicación cidadá vital para o éxito na procura da sustentabilidade, por canto através dela a cidadanía se apropia do proxecto.

-TRES COMPOÑENTES: ECOLÓXICA, ECONÓMICA E SOCIAL. A sustentabilidade procura combinar valores ecolóxicos, económicos e sociais. Esta combinación é continxente, incerta, e debe ser decidida democraticamente.

Aínda que sexa un concepto a miúdo prostituído e obxecto de interpretacións dispares,  sustentabilidade, tal e como o entendemos, está lonxe de ser un concepto pouco relevante, que non supoña mudanzas de fondo calado. Como sinala Michael Jacobs, “en realidade pode distinguirse moi claramente de obxectivos económicos máis convencionais, por canto non se basea simplemente nos intereses estreitamente financeiros  da xeración actual de consumidores ricos do mundo”[6].

Ollamos a transición cara á sustentabilidade coma un proceso dinámico e aberto de cambio profundo cara a novas formas de producir, consumir e distribuír.

  1