cop_16.jpgA COP16 de cambio climático finalizou deixando de lado as propostas da xustiza climática, relacionadas co aumento de temperatura máximo, a responsabilidade dos países industrializados na mitigación e na continuidade do Protocolo de Quioto, na forma en que se leve a cabo o financiamento e nos mecanismos baseados no mercado.

O texto final presentado pola presidencia do Cumio nas últimas horas das negociacións omite as referencias aos apartados relacionados coa Xustiza climática, que se encontraban nos textos nos que máis de 190 países estiveron a traballar os últimos meses.

Esta posición, formulada por Bolivia ao longo de todo o Cumio, foi obviada durante o plenario e unicamente se tomou nota dela, tanto no Grupo de traballo sobre o Protocolo de Quioto como no Grupo de traballo sobre a Cooperación a longo prazo, e finalmente na reunión da Conferencia das Partes (COP) e a Reunión das Partes do Protocolo de Quioto (CMP).

Deste xeito, non se estabelece 1,5ºC como aumento de temperatura máximo, mantense o risco de que non exista un segundo período de compromiso do Protocolo de Quioto, non se fixan uns compromisos de redución de emisións dos países industrializados en consonancia coa ciencia, non se evita que os mecanismos de financiamento xeren nova débeda externa a través do pagamento dos xuros, afóndase na dilución das responsabilidades comúns pero diferenciadas sobre as alteracións climáticas, e ofrécese un cheque en branco ao aprobar un documento que inclúe apartados que están por definir nun futuro.

Ecoloxistas en Acción lamenta profundamente que as propostas de centos de organizacións sociais de todo o mundo, que representan as solucións reais para combater o cambio climático non se tivesen en conta nun dubidoso modo de proceder, afastándose do consenso de todos os países da Convención ao obviar a Bolivia.

Así mesmo, resulta preocupante que a situación das negociacións internacionais volva a unha situación de declaración de intencións de compromiso no futuro, no canto de compromisos reais, tal e como require a situación de urxencia na que se encontra o cambio climático.

Noticia relacionada:

En Cancún declamando e co carbón dando.

Máis información:

Valoración da COP 16 de Cancún