A Federación Ecoloxista Galega (da que forma parte Verdegaia) estima que o número de participantes  ao final do período de competicións establecido en Galicia, entre o 13 de xaneiro e o 18 de febreiro, será de 4000/5000 persoas. Acadaranse incluso congregacións para un só campionato de máis de cincocentos cazadores, caso do último celebrado en Rodeiro.

Estes peneiran un couto ou varios nunha mesma xornada, e sen ningún tipo de restrición no número de capturas, xa que este consiste nun acto puramente competitivo, no que se enfrontan polo primeiro posto numerosas “cuadrillas” (cada un dos equipos participantes), e na que resultan vencedores e clasificados para campionatos de maior rango (autonómico ou estatal) aqueles que teñan matado máis raposos dentro do tempo establecido e demostren así a súa pericia coa escopeta.

Así, esta modalidade de caza leva parello un esforzo cinexético masivo, e concentrado nunha pequena franxa de territorio, e que polo tanto vai en contra de calquera aproveitamento de caza que se poida encadrar nos principios fundamentais que regulan o aproveitamento desta actividade. Precisamente, son obxecto da definición xa no primeiro artigo da lei de caza, que se refire a que o “exercicio da caza” debe facerse baixo a protección, conservación e ordenado aproveitamento das especies cinexéticas.

Trátase dunha situación incomprensible, que directamente pode definirse coma unha barbaridade, e que amosa con diferenza a cara máis negativa desta práctica, nunha modalidade moi afastada do que pode resultar un aproveitamento cinexético sostible. Que non se sustenta baixo ningunha xustificación técnico-científica, á marxe por completo do que son os aproveitamentos cinexéticos sometidos aos denominados “Plans de Ordenación de Caza” dos TECORES ( nova denominación dos antes chamados coutos de caza), e cunhas repercusións ecolóxicas sobre o medio imprevisibles, dado o alto número de animais subtraídos. Xa durante o período hábil a Consellería de Medio Ambiente autoriza entre unhas 300 a 400 xornadas para o control da poboación desta especie.

A Federación Ecoloxista Galega  (FEG)  reclama á Consellería de Medio Ambiente que faga unha revisión a fondo deste tipo de modalidade, sen regulamento normativo específico ao abeiro da lei, onde mesmo a propia Lei de Caza 4/1997 (que recentemente foi modificada) non recolle o termo “competición” no seu articulado, só mencionándose no artigo 54 do Regulamento de Caza a potestade para que Federación Galega de Caza e Consellería colaboren na realización das competicións, pero botándose en falta a definición dun “procedemento básico” de como se deben regular, celebrar, ordenar, autorizar, adecuar aos Plans de Ordenación de Caza, limitacións de escopetas e capturas, establecemento dun protocolo de vixilancia e control exhaustivo dos eventos por parte dos servizos técnicos e de vixilancia. En fin, establecer uns requisitos elementais  de garantías e de sostibilidade no seu desenvolvemento, e incorporar medidas de xestión, que tanto se botan en falta, como ben indica a lei de caza.

Agárdase que para a celebración do resto de eventos que quedan, 9 campionatos de carácter provincial ou rexional e o último que coincide coa Copa de España no Carballiño, a Consellería estableza un protocolo especial e de urxencia de control e vixilancia con tódolos seus efectivos destinados ao control e xestión cinexética, xa que este aspecto tamén deixa moito que desexar, ao detectarse incluso a falta de gardería que supervise estes eventos.

En campionatos e batidas de raposo autorizadas en anos anteriores cazáronse outras especies que saían ao paso, que  nada tiñan que ver coa especie obxecto da cacería. En moitos casos,  lobos, corzos, e xabarís. Coma exemplo, hai xusto un ano, no TECOR de Rodeiro (Pontevedra), onde se celebrou o fin de semana pasado o campionato provincial, apareceron tres lobos acribillados a perdigonazos e decapitados (para trofeo disecado de caza), aparecendo xusto uns días despois de celebrarse unha cacería de raposos.