Campaña informativa sobre unha planta trituradora de entullo en Prado e mesa redonda sobre o patrimonio arqueolóxico do Galiñeiro.

O movemento social Pola Protección da Serra do Galiñeiro vai avanzar estes días aos veciños de Prado información relativa á posible instalación dunha planta de machaqueo de restos de obra no monte de Prado (Morgadáns, Gondomar). Por outra banda este movemento social ten convocada unha mesa redonda sobre o patrimonio arqueolóxico da Serra para o sábado 28 de maio en Mos.

Iníciase así unha campaña informativa sobre esta planta de entullo da que unha empresa de transporte e excavacións solicitou permiso para a súa instalación á Entidade Local de Morgadáns e á que a Concellería de Urbanismo de Gondomar ao igual que a citada Entidade deron o seu vistobó no mes de decembro do pasado ano 2010.

Aínda que non está presentado o proxecto, nós temos feito un estudo e valoración das graves consecuencias que a instalación tería nesta ubicación. Sería na Chan das Moutas, próxima á capela de San Xosé e a poucos metros de zonas habitadas.

Consideramos que estas instalacións son propias dun polígono industrial e non ás portas do Parque Natural do Monte Aloia e no centro da Serra do Galiñeiro. As consuecuencias serían camións a todas horas polas nosas estradas, ruído e po, contaminación das traídas de aguas e afectación dos restos arqueolóxicos existentes na zona.

Derivado desta actividade produciríase un tránsito constante en ambos sentidos de camións de grande tonelaxe cargados de materiais poirentos polas estradas de Prado, Vilas, Morgadáns, Chaín e Vincios, aínda que tamén poderían vir por Chenlo e Tui; co agravante de que estas vías atravesan moitos núcleos de poboación.

O proxecto consiste en instalar unha planta móbil de triturado de entullo: restos de obra, asfalto, formigón, uralita, plástico etc etc, que ocuparía 10.000 metros cadrados para maquinaria e outros  dez mil para depósito dos materiais.

A Entidade Local Menor de Morgadáns recibiría 500 € ao mes e tamén todo o material triturado que precisase para o arranxo das pistas de toda a parroquía, co risco de extender a contaminación por todo o territorio.

A mesa redonda farase en colaboración coa  Asociación Cultural Festa da Prehistoria deste concello e nela debaterase sobre o patrimonio arqueolóxico da Serra do Galiñeiro e a destrución que del se está a producir na Serra. O acto terá lugar ás 18 horas no auditorio Pazo de Mos. Intervirán  especialistas do Museo Provincial de Pontevedra, da Universidade de Santiago de Compostela, do Instituto de Estudos Vigueses, do Instituto de Estudos Miñoranos e da Asociación Cultural Verbo Xido entre outros.