Un ano máis as estradas e vías galegas aparecen queimadas con herbicida, toneladas de substancias químicas perigosas que envelenan a auga, a terra e prexudican a nosa saúde e o medio ambiente.
Logo das manifestacións da OMS, que considera ao glifosato un probable canceríxeno, e doutras achegas, como o estudo publicado por Criigen, (Comité de Procura de Información Independente sobre Enxeñería Xenética) que fala do efecto como disruptor endocrino (xa que as formulacións comerciais conteñen coadxuvantes, que son máis tóxicos que o glifosato só), a cada paso somos máis as persoas, organizacións e administracións que rexeitamos o seu uso.
Como exemplos: grazas á mobilización social, o pasado xuño a comisión europea acordou renovar 18 meses a comercialización do glifosato, e non os 18 anos que se pretendía, a pesar das fortes presións das multinacionais interesadas; tamén moitos concellos de Galicia e do estado xa se declararon en contra do uso de herbicidas (Gondomar, Nigrán, Marín, Combarro, Ames, Santiago, Brión, Poio, Miño, Ponteareas, Ourense…)
Ademais disto, a normativa da U.E. prohibe o emprego de pesticidas se hai suficientes probas en animais que os vinculen a enfermidades, como é este caso. Pedimos á Xunta de Galicia que cumpra a normativa e aplique o “principio de precaución”, prohibindo o seu uso e instando a empresas, deputacións e concellos a buscar outras alternativas como a mecánica, que ademais favorece o emprego local tan necesario. Que a nosa comunidade autónoma, como xa o é a de Extremadura, quede libre de glifosato e non se utilice este nin outro produto químico para o roce e mantemento de vías, autovías, estradas, xardíns, camiños de ferro…, no territorio galego; e que se informe á cidadanía da responsabilidade que se deriva do seu emprego particular.
Solicitamos tamén que Sanidade informe da presenza deste herbicida (empregado habitualmente na agricultura) nos alimentos e auga que consumimos, algo que non se está facendo e por dereito nos corresponde.
Por favor, asina e difunde esta petición que foi promovida polo Comando Ghichas Val Miñor: https://www.change.org/p/xunta-de-galicia-galicia-comunidade-aut%C3%B3noma-libre-de-glifosato