ENCE - fábricaO luns 25 de xaneiro o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) en funcións outorgou á pasteira ENCE a prórroga da concesión dos terreos de Lourizán e da licencia para continuar coa súa actividade até o 2073, cando unha sentencia firme do tribunal supremo acababa de ordenar a iniciación do expediente de caducidade da concesión de Elnosa. A ampliación desta concesión é posible porque previamente o PP, no ano 2013, aprobou a nova lei de costas do Estado, facendo unha lei a medida que favorece o interese dunha empresa contaminante contra a opinión dunha grande parte do Povo. Deste modo, esta empresa creada da man do franquismo, pasaría a exercer o seu dominio sobre a ría de Pontevedra cando menos por 115 anos, dende a súa instalación no 1958, permitíndolles seguir espoliando os recursos do País dun xeito miserable coa finalidade de producir capital para uns poucos impedindo a pervivencia dos sectores pesqueiros e marisqueiros tradicionais. Este atentado contra os intereses xerais e ambientais foi aprobada por un goberno en funcións que como a propia normativa indica, debe restrinxir a súa acción a asuntos urxentes ou de trámite, a ampliación da prórroga a ENCE non está dentro de ningún destes casos polo que denunciamos con contundencia a ilegalidade e inmoralidade desta decisión e máis aínda cando aínda non estaba resolta a cuestión da caducidade da antiga concesión.

Cada semana denunciaremos por este medio diversas problemáticas ligadas a esta factoría: cuestións políticas corruptas e ilegais, cuestións forestais, de uso de auga, de contaminación atmosférica, sanitarias, etc…