O vindeiro día 19 de xullo Verdegaia inicia a súa campaña de erradicación de herba do coitelo (Carpobrus edulis e C. acinaciformis) dos areais galegos no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Esta campaña comezará cunha actividade divulgativa que se desenvolverá no Campo de traballo das Illas Cíes, e continuará cunha actuación de erradicación na Illa de Sálvora os vindeiros días 15 e 16 de setembro. Ambas as dúas actividades estarán coorganizadas co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
A primeira das dúas actividades constará dunha charla que versará sobre os ecosistemas litorais galegos e os danos que crean neles as especies alóctonas facendo fincapé na herba do coitelo; ao rematar a charla realizarase un roteiro temático sobre especies alóctonas polas Illas Cíes onde se poderán apreciar in situ os conceptos explicados durante a charla.
A actuación de erradicación de herba do coitelo na Illa de Sálvora consistirá na extracción manual desta especie dalgunhas zonas da illa onde é abundantísima por mor da plantación masiva levada a cabo no lugar durante o século pasado.
O método de extracción será moi simple e consistirá en retirar as prantas do areal coas mans cubertas con luvas e sen axuda de ferramentas tendo moito coidado de non deixar ningunha parte da planta na zona de actuación para evitar posteriores rebrotes. Ademais, teranse en conta outros dous factores que son: pisotear o menos posible a zona de actuación para non causar perda de area, e actuar sempre en ausencia de fortes choivas que poderían erosionar en grande medida o areal onde se actuase (este factor pode supor a cancelación da actividade de erradicación). Os restos vexetais meteranse en sacos herméticos e deixaranse descompor na propia illa baixo supervisión de persoal do Parque Nacional.
Con esta campaña de erradicación de herba do coitelo, Verdegaia pretende realizar actuacións puntuais que axuden a mellorar o estado de conservación dos ecosistemas litorais, que xeren un debate social arredor desta e doutras especies alóctonas presentes en Galicia e que incentiven aos propios concellos e administracións competentes a levar a cabo medidas de conservación nas dunas, areais, e ecosistemas costeiros en xeral.
A herba do coitelo
As dúas especies de herba do coitelo presentes nos areais galegos (Carpobrotus edulis e C. acinaciformis) pertencen á familia das Aizoáceas (Aizoaceae) e son de orixe sudafricana, aparecendo subespontaneamente en zonas de praia ou recubrindo rochas litorais.
Posúen talos que acadan varios metros e chegan a “tapizar” grandes extensións de dunas ou praias impedindo deste xeito o desenvolvimento natural das comunidades propias deses lugares até chegar a extinguir completamente as especies autóctonas de duna, creando unha superficie homoxénea de herba do coitelo.
A follas son grosas, de cor verde escura, de sección triangular e oblongas, e teñen unha apariencia picuda ou puntiaguda que lle deu os nomes populares de herba do coitelo, uña de gato,…
As flores son grandes e de cor amarela ou rosácea en Carpobrotus edulis, e púrpura en Carpobrotus acinaciformis.
A herba do coitelo foi plantada en numerosos areais e dunas de Galicia para evitar o movemento de area na duna, para adornar… durante o século pasado, mais aínda hoxe en día se segue a plantar en xardíns e en casas situadas a carón de praias ocasionando a súa expansión incontrolada.
Ao contrario do pensamento habitual de que a herba do coitelo é unha planta propia de Galicia (xa que a xente a leva vendo nos areais dende hai moitos anos) e que é moi bonita e inofensiva, a herba do coitelo xera importantísimos danos nos ecosistemas litorais como a extinción de especies nas zonas onde se asenta, a homoxeneización do ecosistema, o freo ao tránsito de area polas dunas onde está presente… co que a súa erradicación é a única medida posible para manter en bo estado de conservación os lugares onde aparece.