A ocupación do solo e a súa evolución no tempo é un indicador básico para avaliar os procesos de sustentabilidade. O Observatorio de Sostibilidade en España (OSE) elaborou o informe “Cambios de ocupación del suelo en España: implicaciones para la sostenibilidad”. En Galiza, as superficies artificiais foron as que experimentaron un maior incremento neto (case un 20%) entre 1987 e 2000. Presentámosche as conclusións do informe para a nosa terra.

A superficie artificial, que representa menos do 2% do noso territorio, incrementouse en case un 20% no período 1987-2000. No conxunto de España, rexistrouse un aumento do 29,5%, un dos maiores de Europa. O OSE sinala como causas principais deste fenómeno irreversíbel “o tipo de crecemento económico (dependente de sectores de altos consumos de solo, como a construción, o transporte e o turismo), a consolidación e profundización do novo modelo de cidade dispersa e o forte investimento en infraestruturas”. A principal expansión de superficie artificial na nosa terra debeuse ao aumento de redes de infraestruturas de transporte (autoestradas, autovías, zonas portuarias e aeroportos).

O informe “Cambios de ocupación del suelo en España: implicaciones para la sostenibilidad” salienta os seguintes feitos no que atinxe ao territorio galego:

  • Artificialización do medio rural por ocupación de zonas forestais (montes) e agrícolas por infraestruturas de transporte e explotacións mineiras a ceo aberto.

  • Incremento da superficie de encoros, ocupando espazos agrícolas e forestais.

  • Artificialización do litoral, con perda mesmo de zonas húmidas, por aumento da densidade urbana e construción de portos e outras infraestruturas costeiras, especialmente nas Rías Baixas.

  • Perda de solos agrícolas produtivos por urbanización residencial e industrial e autoestradas, autovías e outras estradas. A perda de superficie agrícola foi motivada máis pola artificialización (máis de 3.000 ha) que pola conversión en zonas forestais (máis de 2.500 ha).

Outro feito destacábel recollido no informe é que nos montes houbo un crecemento dos cultivos forestais, sobre todo de especies de crecemento rápido (os eucaliptais medraron un 450% entre 1987 e 1998), en detrimento das áreas cobertas por mato.

Crecemento económico español á custa do territorio

No Estado español obsérvase un forte vencello entre o aumento do PIB e a destrución do territorio. O OSE sinala que “o peso desmesurado do entramado financeiro construtor no conxunto da economía española está tendo enormes impactos territoriais, favorecendo a compra de vivenda como investimento en lugar de como valor de uso e desviando recursos que deberían dirixirse cara a liñas produtivas máis intensivas en tecnoloxía coma o I+D+i. O desenvolvemento sustentábel implica necesariamente, aínda que non exclusivamente, unha disociación ou desacoplamento entre estas variábeis”.

pdf Informe Galicia