O pasado fin de semana as asociacións Verdegaia, S.O.S. Courel e Insectarium Virtual organizaron un testing de biodiversidade na Serra do Courel con bos resultados á hora de valorar a biodiversidade existente no Courel e de participación xa que se tiraron centos de fotografías dixitais da abundante e valiosa fauna e flora do Courel. Na actividade participaron arredor de cincuenta persoas.

Unha xornada de testing consiste en agrupar a un grande número de persoas para que nunha zona establecida tomen o maior número de fotos dixitais. Durante todo o traxecto vanse facendo fotos da flora e a fauna. Posteriormente un grupo formado por máis de 100 expertos vai a categorizar a información para clasificala e catalogala. A idea é involucrar o maior número de xente na criación dunha base de datos con tódalas especies presentes na zona.

A actividade en si comezou o día seis pola mañá cando @s participantes se dividiron en grupos para realizar catro roteiros simultáneos: 1. O Courel de influencia Atlántica na Devesa da Rogueira co itinerario Alto do Couto-As Augas-Moreda. 2. O Courel de influencia Mediterránea co itinerario Froxán, Vilar-Vilamor. 3. O río Pequeño co itinerario Paderne-Seoane. 4. Val das Mouras. En cada unha destas rutas tomáronse fotos que ilustran o observado pol@s diferentes participantes e que serían expostas, en parte, o día sete á mañá nunha colectiva mesa redonda fotográfica onde se puxeron en común as observacións do día anterior. En próximas datas, as especies fotografadas irán sendo identificadas e catalogadas para servir como recurso de cara a correcta protección desta valiosísima serra lucense.

Dende Verdegaia queremos apoiar este tipo de iniciativas en defensa e na posta en valor dos valores ecolóxicos do Courel fronte ás ameazas da industria mineira pizarreira que se cernen sobre este espazo.