Ante o embate privatizador que está a aniquilar os nosos servizos e bens públicos, en Verdegaia Compostela vemos con preocupación como a expansión do mercado afecta progresivamente máis eidos da nosa vida. Desta volta queremos convidar á reflexión colectiva sobre un dos bens comúns que nos é máis imprescindible e que é tamén vítima da especulación: a auga.fonte de auga

 Nunha cidade cunha cultura do H2O coma Compostela, con abundantes fontes que por séculos deron de beber a habitantes e peregrinos, coa particular sociabilidade que en torno a elas tecían as augadoras, e que constitúen hoxe un patrimonio arquitectónico nada desdeñable, non atopamos ningunha fonte natural sinalizada co rótulo de “potable”. Xa que o único abastecemento de auga que se considera oficialmente potable é de traída e, polo tanto, clorado, en Verdegaia preguntámonos cal é o motivo polo que as fontes naturais deixaron de considerarse aptas para o consumo e decidimos facer algunha pesquisa.

 Moitas persoas da vila beben auga de fontes naturais sinalizadas como non potables ou sen ningún tipo de indicación ao respecto, polo que seleccionamos cinco fontes deste tipo e enviamos mostras a un laboratorio para sometelas a unha análise básica de potabilidade. Os resultados de todas elas: potable!

 Preguntamos entón no concello por que estas fontes non eran consideradas potables e así soubemos que o principal criterio que se ten en conta para a indicación da súa potabilidade é a cloración. A conclusión lóxica é que as fontes naturais, ao non estaren cloradas, son sinalizadas sistematicamente como “non potables” xa que, en teoría, “non teñen as suficientes garantías sanitarias”. Segundo nos informaron, e malia a súa análise periódica e obtendo mesmo resultados positivos na maioría delas, o uso de produtos fitosanitarios, a hipotética rotura dun colector, etc., poderían ser fonte esporádica de contaminación destas augas polo que, como medida preventiva, non se indica a súa potabilidade.

 Preguntámonos se esta neglixencia por parte das institucións públicas, que non adican os recursos necesarios a garantir a calidade das nosas augas e evitar a contaminación de acuíferos e mananciais, non será parte dun proceso privatizador que, a grande escala, está a convertir a auga nun produto máis de consumo para o lucro dunhas poucas empresas que se apropian dos nosos mananciais para logo vendernos a auga embotellada nos supermercados.

 O Real Decreto 140/2003 polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano define “fonte natural” como aquelas “captacións non utilizadas con fins comerciais e non conectadas a depósitos, cisternas ou redes de distribución”. Resulta obvio polo tanto o posicionamento institucional a favor dos intereses comerciais que pesan sobre a auga.

 En definitiva, na nosa vila, como en moitos outros lugares, oficialmente só se pode beber ou cloro ou plástico, sen que ninguén cuestione os riscos da inxesta habitual de cloro e outras substancias empregadas na potabilización ou o uso de toneladas de plástico para envasar a auga que flúe libremente baixo os nosos pés. Mentres tanto semella que os nosos mananciais naturais, ao igual que sucedeu coas augadoras, están condenados a desaparecer baixo o avance imparable dos intereses espúreos do progreso e do capital.

 Esiximos ao concello que se implique na xestión das nosas augas, agora en mans dunha empresa corrupta como Aquagest, e que protexa os mananciais do desleixo ao que están condenados. Publicando en cada unha das fontes naturais os resultados das análises periódicas ás que se someten teremos información para decidir que auga beber.

 Verdegaia reivindica a auga coma un ben común.

Defendemos o dereito á auga,

o dereito á vida.

 

E ti, que auga bebes?

 

Para máis información, convidámoste á proxección Ouro azul: a guerra da auga, que terá lugar o vindeiro mércores 17 de abril ás 20h no local da Asociación de Veciños A Xuntanza (Corredoira das Fraguas, 37, baixo), no marco do Ciclo de Cinema Coñecer para Cambiar, organizado por Amarante, A Xuntanza e Verdegaia. Desta volta conversaremos sobre os riscos da privatización da auga e da Nova Cultura da Auga con Guillermo Castro Botello (Enxeñería Sen Fronteiras).