pinga_auga.jpgEcologistas en Acción elaborou o informe “Banderas Negras en zonas de baño interiores", que recolle e analisa a deterioración das augas de ríos, lagoas e encoros usadas para o baño. Moitas das áreas de baño catalogadas inicialmente polo Estado español (catálogo de 1994) foron descatalogadas posteriormente. No caso de Galicia, realizáronse 54 descatalogacións, habendo actualmente 48 zonas de baño catalogadas onde se controla o cumprimento da directiva europea sobre a calidade das augas de baño.

A importancia da catalogación das augas de baño reside en que éstas teñen garantido, por lei, o control de calidade das súas augas e medidas de protección de riscos contra a saúde. Mentres as descatalogadas, ou as non catalogadas, non teñen ningún tipo de control sanitario, polo que a saúde das persoas que se bañan nelas non está nin controlada nin garantida. O número de zonas de baño en augas interiores usadas de forma regular por un número importante de persoas supera amplamente o de zonas de baño catalogadas actualmente ou no pasado.

Ecologistas en Acción, no devandito informe, denuncia o incumprimento de forma continuada por parte do Estado español, tanto da normativa básica en materia de augas no tocante á protección das augas interiores, como a específica de augas de baño. No canto de velar pola calidade destas augas de baño, solucionando o grave problema de contaminación das augas continentais, non só non puxo en marcha medidas eficaces para este obxectivo senón que ademais utilizou unha manobra de manipulación da información pública, consistente na descatalogación das augas de baño que non se adaptan aos parámetros mínimos de calidade. Segundo informa na súa web, a Comisión Europea demandou explicacións sobre as razóns da descatalogación de zonas de baño e está a analisar a resposta entregada polas autoridades españolas.

A principal causa da deteriororación dos ecosistemas acuáticos que albergan estas zonas de baño é a falta de depuración de augas residuais (por exemplo, en Galicia, só o 58% das augas residuais urbanas cumprían as esixencias legais de depuración a finais de 2004). Esta situación incrementa o estado de contaminación por eutrofización que afecta á metade dos encoros no conxunto de España, ao que se suma os vertidos de produtos fitosanitarios da agricultura intensiva e a excesiva carga de xurros da gandería. Segundo Ecologistas en Acción, tamén cómpre salientar o impacto sobre os ecosistemas de auga doce que ten o crecemento urbanístico, ao incrementar as extraccións de auga e o volume de augas residuais.

Con este panorama non é de estrañar que se teñan descatalogado nalgún momento 365 zonas de baño en toda España. Isto fixo que, en novembro de 2003, o Tribunal europeo de Xustiza impuxese unha multa ao Estado español por seguir incumprindo os estándares de calidade en augas interiores. Aínda que neste ano a Comisión Europea publicou un informe que constata unha mellora na calidade das augas de baño no Estado español, a propia Comisión recoñece que a liña de xestión utilizada é quitar a catalogación ás zonas de baño e chama a atención sobre a necesidade de afrontar os problemas de contaminación dos ecosistemas acuáticos en vez de impedir que as persoas empreguen estas zonas como áreas de recreo.

As 48 zonas de baño en ríos e encoros catalogadas en Galicia cumpren os valores mínimos de calidade da auga esixidos pola normativa comunitaria. Porén, só 14 delas cumpren os valores denominados guía, que se consideran desexables, aínda que non son de obrigado cumprimento. A nivel estatal, o 40,9 % das zonas cumpren os valores guía, mentres que en Galicia esa porcentaxe descende ao 29,1%.

Máis información:

Informe Bandeiras Negras en zonas de baño interiores 

Web da Comisión Europea sobre a calidade da auga de baño