Imaxe de Marcos Lomba

Este 30 de xuño, Verdegaia colaborou xunto con Ecoloxistas en Acción e a Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR) na apresentación galega do informe bandeiras negras 2020.

No acto, realizado na vila de Pontevedra, informouse das bandeiras concedidas este ano tanto á mala xestión como á contaminación. Verdegaia leva colaborando desde o ano 2008 no informe galego, denunciando aqueles puntos que consideramos críticos na nosa costa. Na Galiza danse dúas bandeiras por provincia, non se fai unha diferenciación por rías senón por provincias polo que nos corresponden un total de seis bandeiras.

A comunidade galega conta con 1.498 km de costa.

A costa galega fórmana as rías, divididas en Rías altas (parte norte e noroeste da provincia da Coruña e toda a costa da provincia de Lugo e limitando con Asturias ao leste e co cabo de Fisterra ao sur e que inclúen a ría do Burgo ou ría da Coruña, a ría de Betanzos, a ría de Ares, a ría de Ferrol, a ría de Cedeira, a ría de Ortigueira, a ría do Barqueiro, a ría de Viveiro, a ría de Foz e a ría de Ribadeo) e as Rías baixas (que ocupan a costa oeste da provincia da Coruña e case toda a costa da provincia de Pontevedra, desde o cabo Fisterra até a ría de Vigo incluídas) e inclúen a ría de Corcubión, a ría de Muros e Noia, a ría de Arousa, a ría de Pontevedra, a ría de Aldán e a ría de Vigo.

Este ano as bandeiras negras á mala xestión corresponderon ao urbanismo na Mariña por Lugo, aos recheos no porto de Marín por Pontevedra e á praia das Delicias dentro do concello de Sada na Coruña. As bandeiras á contaminación corresponderon a Alumina española SA, pertencente ao grupo ALCOA por Lugo; ao grupo ENCE por Pontevedra e á praia de Lires na Coruña.

Ao longo das rías galegas, as desfeitas son moitas.

Se comezamos polo norte, toda a costa lucense está dentro das denominadas Rías altas e destaca a fábrica Alúmina española SA en San Cibrao. Esta empresa, dedicada á fabricación de aluminio, é unha das empresas máis contaminantes da Galiza e do Estado. No pasado, no 2017, Verdegaia optou por sinalar tamén esta empresa por levar máis de 30 anos sen protocolo ante unha catástrofe. Este complexo industrial, que naceu en 1980 como empresa pública foi adquirida en 1998 pola firma estadounidense ALCOA, conta con porto propio privado pegado á praia de Lago, conta tamén cunha fábrica de almacenaxe de bauxita en San Cibrao e unha balsa de lodos vermellos de máis de 78 ha. situada a menos de 1 quilómetro do mar, nunha parroquia da zona de 3.500 habitantes que está dentro do Concello de Xove, cun núcleo de vivendas habitadas a 200 metros.

Ano tras ano vimos denunciando os vertidos de sosa cáustica que están afectando directamente a saúde das persoas e o entorno mariño (relacionados coa desaparición de bosques mariños de Laminaria) e vimos facéndonos eco das continuas denuncias en fisuras na balsa de lodos.

É importante ter en conta que os lodos vermellos desta fábrica son similares aos vertidos en 2010 por unha factoría húngara, nun accidente que se converteu nunha das maiores catástrofes ambientais dos últimos tempos e que a balsa de lodos de San Cibrao é case sete veces máis grande que a factoría accidentada. No ano 2014 tamén denunciamos que a fiscalia medioambiental recibira informe dunha auditoría no que se revela que a Alúmina de San Cibrao vertía ao redor dunhas 250.000 toneladas de sosa cáustica cada ano ao mar Cantábrico. Este ano volveuse dar unha bandeira coa intención de denunciar que a multinacional, que encadea máis de 10 condenas xudiciais por contaminar o seu entorno, leva tempo chantaxeando a comunidade autónoma galega, ameazando co peche para conseguir maiores axudas. Xoga coa escaseza de postos de traballo e a precariedade laboral para conseguir maior trato de beneficio mentras salta por cima da lexislación ambiental ao tempo que esixe cada vez máis e máis axudas do Estado, ameazando co peche.

En Pontevedra optamos por Marín na bandeira á mala xestión, co obxectivo de denunciar como o traballo dos sectores económicos, políticos e xudiciais fai posible que unha sentenza firme do Tribunal Supremo (sentenza do 30/10/2009) poida quedar en nada. Despois de 20 anos con orde de derrubamento, en febreiro de 2020 e despois de varios recursos presentados polas administracións implicadas na declarada “ilegalidade” polo Tribunal Supremo, o mesmo Tribunal que sentenciara que todos os recheos realizados ao amparo do plan especial do ano 2000 eran ilegais, declarando así nulo o citado plan especial por carecer de estudo de impacto ambiental e coller competecias propias dun Plan Xeral e obrigando os organismos implicados (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Autoridade Portuaria de Pontevedra-Marín) a restituír a zona ao seu estado anterior, condenando así a Xunta co 30% dos custos de reposición, a Deputación co 20% e a Autoridade Portuaria co 50%; di agora que non sabe se os recheos son case legais ou case ilegais. Neste 2020 o TSXG acepta as conclusións dun informe pericial encargado pola Autoridade Portuaria que di que todos os recheos do porto de Marín son legais e que como todo é legal, non hai nada que executar e declara así executada a sentenza de 2009. Ao final a sentenza do Supremo de 2009 que declaraba os recheos ilegais quedaría en nada e daríase por executada. Ante esta setnenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cabe recurso outra vez ante o Supremo e iso é precisamente co que xogan ao seu favor; a dilatación no tempo, o cansanzo e queime de recursos tanto humanos como económicos que fai que sexa case imposible enfrontarse á administración, xa que eles se defenden con avogados do Estado e con diñeiro público mentres as organizacións teñen que poñer os seus propios recursos.

A bandeira á contaminación levouna un ano máis o grupo ENCE, esta vez denunciando a queima de aceites usados na súa planta de biomasa. No informe preparado pola Asociación pola defensa da ría de Pontevedra, denúnciase que Ence adquire anualmente desde hai 5 anos, da orde de 18.000 toneladas de aceites usados de diferentes xestores, que queima na súa planta de biomasa e que soamente foron sometidos a un proceso de eliminación de auga e sedimentos polo que os metais pesados, PCBs e outros contaminantes que poidan estar presentes non teñen ningún tipo de control.