A xeito de balanzo-resumo do primeiro ano de Goberno bipartito, Verdegaia salienta tres accións positivas, tres accións negativas, tres tarefas pendentes e tres anuncios esperanzadores que se deberían concretar a curto prazo.

No camiño certo

O cambio na política da auga. A aprobación da iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos, a paralización de proxectos de minicentrais hidroeléctricas en diversos ríos das bacías de Galicia-Costa, ou o compromiso adquirido co cumprimento da Directiva europea sobre depuración de augas residuais, son sinais esperanzadores dun novo rumo na xestión da auga que deberá confirmarse nos próximos anos.

A defensa da costa fronte ás piscifactorías. As Consellerías de Medio Ambiente e de Pesca evitaron a deterioración de dous dos mellores enclaves da nosa costa, os cabos Touriñan e Corrubedo, ameazados pola construción de senllas piscifactorías. Non aconteceu o mesmo con Rinlo, no espazo da Rede Natura 2000 “As Catedrais”.

O inicio das negociacións para o peche do complexo ENCE-ELNOSA en Pontevedra. As Consellerías de Industria e de Medio Ambiente puxéronse a traballar na solución negociada dun dos principais focos de contaminación ambiental do noso país, negociación que debería rematar co acordo do peche do complexo industrial no fondo da ría de Pontevedra antes de 2018.

Máis insustentabilidade

Continuismo na política de transporte. A acción da Xunta nesta área chave para a sustentabilidade segue sen incorporar seriamente entre os seus obxectivos unha maior equidade social, a redución forte da sinistralidade, o cumprimento do Protocolo de Quioto, o uso sustentábel do territorio ou a conservación da biodiversidade. Mentres se fomentou aínda máis o uso do automóbil privado co pagamento de peaxes de autoestrada e con cuantiosos investimentos en estradas feitos sen unha rigorosa análise de alternativas e custos económicos e socioambientais, aínda non se puxeron en marcha todos os Planos Metropolitanos de Transporte e non se avanzou na creación de cercanías ferroviarias, especialmente urxentes en Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol.

ENERGOS. A estratexia enerxética da Consellería de Industria é pouco ambiciosa na promoción do aforro enerxético (prevé un crecemento anual da demanda enerxética dun 2,3% no período 2006-2009) e da enerxía solar e a biomasa. Esta falta de ambición política contrasta coas iniciativas empresariais para ampliar a vida das centrais térmicas de carbón, instalar dúas novas centrais térmicas a gas natural e construír unha impactante e perigosa regasificadora no interior da ría ferrolá, iniciativas que contan cos parabéns de toda a Xunta.

Construción de parques eólicos en zonas de interese natural. As Consellerías de Industria e de Medio Ambiente non estableceron un mapa de zonas de exclusión da instalación de parques eólicos e culminaron a tramitación de dous parques eólico na serra do Suído, a derradeira das serras da Dorsal galega libre de parques eólicos.

Inacción en temas chave

Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostíbel. A frustrante reforma do Consello Galego de Medio Ambiente, o feito de que se tome como punto de partida a Estratexia aprobada polo Goberno anterior, ou que sexa promovida pola Consellería de Medio Ambiente e non pola Presidencia, non permite ser optimistas canto á ambición e peso político dun documento chave do que non se fixo público aínda ningún borrador.

Pacto social polo monte e contra os incendios forestais. Non se avanzou na súa consecución, que se debería impulsar desde a Consellería de Medio Rural e desde a Presidencia. Un compromiso electoral e de goberno moi importante incumprido até hoxe.

Cambio climático e centrais térmicas de carbón. Nin a Consellería de Industria, nin a de Medio Ambiente, demandaron perante o Goberno central asignacións moi restritivas para as térmicas de carbón no Plano de Asignación de Dereitos de Emisión de CO2 2008-2012, medida chave para contribuír significativamente desde Galicia ao cumprimento do Protocolo de Quioto.

Anuncios que se deben concretar a curto prazo

Plano territorial para a defensa do litoral. Debería ser unha estratexia integrada para a xestión do litoral e impedir a urbanización excesiva e mal ordenada da nosa costa, alentada por algúns Concellos e promotoras inmobiliarias.

Plano para a xestión da Rede Natura 2000. Ten que facer fronte ao dobre e difícil desafío da conservación da rede europea de espazos naturais en Galicia e da mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Lei de defensa da paisaxe. No primeiro ano de lexislatura o Goberno bipartito non presentou ningún proxecto de lei de defensa ambiental. O anunciado para a preservación dun ben como a paisaxe é dos máis urxentes.