O 2010 é un ano máis perdido no imprescindíbel camiño de reorientación da sociedade galega na procura da sustentabilidade. A administración galega non fixo máis que confirmar os indicios apuntados no 2009, e converteuse nunha entusiasta defensora dun modelo económico que ignora os límites ambientais locais e globais e implica un consumo crecente de enerxía e de materiais así como unha xeración cada vez maior de residuos e de contaminación.

Se algo caracterizou esta período político foi o caos lexislativo relativo á ordenación do territorio, onde planos, leis e regulamentos de nova creación afondaron nesta cerimonia da confusión á que comeza a ternos lamentabelmente acostumados esta administración.

A confusión vén marcada pola desorganizada e apurada posta en marcha de cuantiosos instrumentos de ordenación do territorio, de forma independente e sen respectar a xerarquía normativa, como o Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia; o Plan de Ordenación do Litoral ou as Directrices de Ordenación do Territorio, de importancia básica para a configuración territorial de Galicia.

Aprobouse así mesmo a cuarta reforma da Lei do Solo (con só oito anos de vida), pésima reforma que flexibilizou as proteccións do territorio e permitiu máis edificación en solo rústico, que só foi superada poucos meses despois polo intento opaco e retorcido da Xunta de Feijoo de aprobar unha quinta reforma a través da Lei de acompañamento dos orzamentos do 2011. Nesta lei buscábase eliminar 6 categorías de solo rústico de especial protección e mudar os usos dos solos deixando a porta aberta á súa urbanización ou industrialización. Logo da saída á luz pública deste engano, a Xunta argumentou que se trataba dun de redacción, mantendo a modificación en "só" dúas categorías de especial protección.

En definitiva, están en marcha ou aprobados catro planos sectoriais, un plano de ordenación, a enésima modificación da lei do solo, e en fase de redacción unha nova lei do solo e unha nova lei de montes sen ter aínda aprobadas as Directrices de Ordenación do Territorio. A actual diarrea lexislativa e normativa da Xunta de Galicia alónxase dunha concepción ordenada e coherente de estruturación do territorio e dos distintos usos dos solos, ademais de supoñer a eliminación de facto da participación pública efectiva nos distintos Plans previstos, dado o solapamento e volume dos expedientes .

Este ano 2010 perdeuse unha gran ocasión para realizar un planeamento estruturado en positivo do territorio, afondando na súa protección e sentando as bases para unha xestión verdadeiramente sustentable do patrimonio natural galego. Unha proba disto é "deixar para o final" a ampliación da Rede Natura 2.000 tras ter aprobado outros planos que a comprometen, non renovar os xa caducados P.O.R.N. (Plano de Ordenación dos Recursos Naturais) e P.R.U.X. (Plano Reitor de Uso e Xestión) dos parques naturais galegos que os teñen, nin ter aínda aprobado o primeiro P.R.U.X. do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia que leva case que 8 anos de atraso.

E é que a situación dos espazos incluídos na rede natura merecen especial mención, xa que están en permanente ameaza ou obxecto de agresión. Seguimos a ser a comunidade con menor superficie protexida do estado mais isto semella non ser suficiente xa que a pouca rede natura existente incumpre a legalidade ao non ter aprobados os seus correspondentes Planos de Conservación na meirande parte destes espazos. O 31 de decembro deste ano remata o prazo de seis anos concedido pola UE para presentar estes planos de conservación e a Xunta non os ten nin comezados. Podemos achegar tres datos que por si sós (que non os únicos) indican o nulo interese da administración galega pola protección destes espazos protexidos: a ameaza que para as Fragas do Eume suporía a apertura da mina de andalucita que a Xunta pretende autorizar na súa contorna, e a intensiva campaña de plantación de especies alóctonas no Courel

Por outra banda, o rexeitamento da Consellería de Medio Rural á declaración do Monte Pindo como Parque Natural coa estudada e argumentada resposta de "non toca"; a autorización de batidas de xabarín dez meses ó ano; a mala xestión de especies como o lobo ou o salmón; a inexistencia de Planos de Recuperación de especies ameazadas e Planos de Conservación de especies vulnerables; ou a inexistencia de Planos de Xestión dos Recursos Piscícolas, son, por poñer uns exemplos, actuacións significativas da mala xestión desta administración galega de cara á conservación dos valores naturais.

As políticas enerxéticas e de transporte tampouco son positivas na medida que a aposta pola queima de combustíbeis fósiles reciben todo o apoio. Velaí a recente e equivocada reacción perante o decreto do carbón da administración central, que en lugar de ollalo como unha oportunidade para reorientar a produción eléctrica cara a medios renovábeis, esixindo medidas que faciliten esa reconversión e dándolle unha saída económica as comarcas de As Pontes e Meirama, esixía queimar máis e máis carbón, o combustíbel fósil máis contaminante. A substitución da electricidade sucia do carbón debería ser a prioridade número un da loita contra a mudanza climática e pola sustentabilidade ecolóxica. Mais a Xunta tamén amosa ao longo deste ano unha gran capacidade de estragar o que debera ser positivo, como a aprobación do novo concurso eólico. Este tornouse negativo pola ausencia dun novo Plan Sectorial Eólico que establecese suficientes zonas de exclusión. En lugar do canon eólico e do chamado Fondo de Compensación Ambiental, sería mellor para o medio natural dispor dun Plano Sectorial Eólico respectuoso coa biodiversidade e coa paisaxe, dun sector eólico cunha importante participación da Xunta, dos/as propietarios/as dos terreos e de pequenos/as investidores/as, e mais dunha política fiscal verde que gravase axeitadamente o aproveitamento dos recursos naturais, especialmente os combustíbeis fósiles, e nomeadamente a queima de carbón nas térmicas.

Nesta liña de malas políticas atopamos tamén ca subvención á compra de automóbiles privados, o medio máis desbaldidor e contaminante de desprazamento, mentres seguen sen saír adiante os Planos de Transporte Metropolitano despois de 8 anos de anuncialos, á vez que teima tamén a administración galega e todas as forzas políticas na esixencia de ter un AVE que nos sitúe en Madrid no menor tempo posible, cun custo de miles de millóns de euros cando carecemos dunha rede de proximidade electrificada, áxil e competitiva, que de servizo real as necesidades da grande maioría da poboación.

SOGAMA confirmou o seu fracaso, anunciado dende hai anos polo movemento ecoloxista, o seu sistema de xestión se veu colapsado, cun vertedoiro que tivo que ser ampliado, uns custos elevadísimos, unha taxa de reciclase irrisoria e os enormes problemas ambientais derivados da incineración. Mais a Consellería de Medio Ambiente segue nos seus trece, e para solucionar a problemática dos residuos, en vez de cuestionar o sistema de xestión de SOMAGA que se ten evidenciado como insustentábel a todos os niveis (ambiental, económico e social) ten pensado reproducir ese modelo instalando outro complexo semellante no sur galego, repetindo os mesmos erros, e desbaldindo os cartos públicos, no canto de estudar e copiar o funcionamento dunha das plantas con taxas máis altas de reciclaxe do estado como é a xestionada pola Mancomunidade do Barbanza, baseada na compostaxe.

A mudanza climática segue a ser un problema de enorme gravidade para o conxunto da humanidade, pero a Xunta semella non se decatar. O actual Goberno comprometeuse a aprobar antes do remate de 2010 un Programa de Acción contra o Cambio Climático, mais até agora non presentou nin sequera un borrador. O conxunto da acción do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo contribúe ao incremento das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro (GEI) responsábeis da mudanza climática. Exemplos de accións contrarias á defensa do clima son o apoio á actividade das grandes fábricas de cambio climático (as centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes); o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015 (Plan MOVE) e as axudas para a compra de automóbiles, que apuntalan un sistema de transporte moi intensivo en emisións, así como o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PRXUG) 2010-2020, que incrementa a incineración en lugar de substituíla pola redución, a reutilización e a reciclaxe, o que representaría un aforro considerábel de emisións. Só a crise supuxo unha mellora na situación galega, o que fala ben ás claras de que temos un grave problema de xestión deste desafío.

A educación ambiental é outro dos ámbitos desprezados pola administración que recorta programas e proxectos, abocando ao peche e infrautilización de Equipamentos Públicos, despedimentos na administración pública e desaparición de empresas e perda de peso no sistema educativo, mentres a Xunta desbalde cartos en actuacións anecdóticas e descoordenadas, mesmo apoiando actuacións destrutivas para o medio como o caso da desecación da Lagoa de Valdoviño. A educación ambiental é un alicerce imprescindíbel no proceso de reformulación da sociedade cara a sustentabilidade polo que o seu abandono retrata claramente as intencións desta administración.

Por último salientar o recorte brutal de dereitos sociais a nivel galego, estatal e europeo, vendido como actuacións ‘necesarias e urxentes’ para saír da crise. Abandónanse as políticas redistributivas, concentrando aínda máis a riqueza nunhas poucas mans, á vez que porcións cada vez maiores da cidadanía van incrementando o seu grao de exclusión. Perséguese aos activistas dos movementos sociais empregando todas as ferramentas represivas coas que conta o Estado, desenvólvese unha política orquestrada contra o emprego normalizado do noso idioma. Recortes en definitiva que supoñen unha regresión sen precedentes de dereitos sociais, que implicará unha maior febleza dos sectores populares de cara ao futuro, unha maior brecha entre ricos e pobres, e un maior marxe de manobra e control de grandes corporacións empresariais e entidades financeiras. A xustiza social parece tocar o seu teito de cristal, pero a capacidade de resposta da cidadanía máis afectada paradoxalmente é escasa. A organización da sociedade civil urxe máis que nunca, dando contestación a estas falsas medidas contra a crise e promovendo un modelo alternativo, socialmente xusto, que consuma menos e máis equitativamente, asumindo que somos unha peza mais, importante pero unha peza máis, desta complexa engrenaxe que é o planeta terra. Do contrario seguiremos a debuxar un futuro realmente escuro para o conxunto dos seres humanos .

Mais sempre atopamos ocos para a esperanza, iniciativas cidadás alternativas e de contestación que amosan a forza dunha cidadanía crítica, activa e reivindicativa. Salientar a creación da sección galega da Banca Ética Fiare, a multitude de asociacións de consumo responsable e cooperativas de produtoras ecolóxicas locais que están a medrar en Galiza. Todas as persoas que individualmente ou asociadas en colectivos diversos se opoñen ao liberalismo económico e ao desmembramento do estado social, como a Plataforma pola Sanidade Pública, nunha loita contra os grandes Goliat do noso tempo (empresarios, políticos, xuíces insolventes). Dende Verdegaia queremos expresar o noso agradecemento e admiración a todas estas persoas e colectivos, sen os que a esperanza tería deixado de existir hai ben tempo.