Amigos de la Tierra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, Jóvenes Verdes e WWF/Adena veñen de lanzar unha campaña online de recolla de sinaturas. O seu obxectivo é solicitar aos representantes españois no Parlamento Europeo e mais aos Ministros de Industria e de Medio Ambiente que apoien unha norma comunitaria ambiciosa e eficaz para baixar os fumes aos fabricantes de coches. Comezando a encarar seriamente o problema das emisións de CO2 procedentes do transporte.
No próximo outono, o Parlamento Europeo e os Ministros de Medio Ambiente votarán unha nova normativa comunitaria que estabelecerá límites ás emisións dos novos automóbiles que se comercialicen na Unión Europea. Esta regulación chega nun momento oportuno, no que a escaseza de petróleo comeza a afogar as principais economías mundiais, e as emisións de CO2 procedentes do transporte están pondo en cuestión a política europea de loita contra a mudanza climática e os avanzos conseguidos noutros sectores para diminuír as emisións.
Cerca do 70% do petróleo consumido na Unión Europea destínase ao transporte, e a metade desta cuota débese aos coches particulares e aos vehículos comerciais lixeiros, polo que fabricar vehículos máis eficientes resulta decisivo para reducir as importacións de cru e impulsar o investimento en tecnoloxías de automoción máis limpas.
Falta de compromiso da industria
Esta norma é tamén resultado da falta de vontade e compromiso mostrada pola propia industria. En 1998, os fabricantes de automóbiles comprometéronse voluntariamente a reducir as emisións de CO2 dos novos coches que puxesen á venda no mercado europeo a 140 g CO2/km para 2008. Porén, as emisións medias en 2006 (160 g CO2/km) seguían estando moi lonxe do obxectivo. En lugar de investir en coches menos contaminantes, o sector preferiu fabricar coches máis grandes e máis potentes, dous factores que aumentan directamente o consumo de combustible e as emisións.
As organizacións ecoloxistas Amigos de la Tierra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, Jóvenes Verdes e WWF/Adena defenden a necesidade de aprobar unha norma europea ambiciosa e eficaz que aborde decididamente o problema das emisións do transporte, e denuncian a forte presión que a Asociación de Construtores Europeos de Automóbiles (ACEA) está facendo en Bruxelas coa finalidade de debilitar as esixencias recollidas na proposta actual e adiar cualquera norma que os obrigue a reducir as emisións dos seus vehículos.
Para contrarrestar este lobby que pretende neutralizar as políticas de loita contra a mudanza climática da UE, as devanditas organizacións ecoloxistas lanzaron unha ciberacción para que a cidadanía se dirixa aos europarlamentarios e aos ministros de Medio Ambiente e Industria pedindo unha normativa eficaz, que fixe os obxectivos de 120 g CO2/km para 2012 e 80 g/km para 2020, en ningún caso baseados no peso do vehículo, e aplicar sancións suficientemente disuasorias para que aos fabricantes non lles resulte máis rendible pagaren as multas que cumpriren a norma. Unha norma así formulada permitirá controlar de forma máis efectiva un sector que, a diferenza doutras industrias e sectores económicos, non está contribuíndo á loita contra as alteracións climáticas.
Conseguir unhas emisións medias por debaixo de 120 g CO2/km é técnica e economicamente viable. Estudos recentes sinalan que os turismos poderían ser hoxe xa un 50% máis eficientes, tan só coa tecnoloxía dispoñible. Segundo Julia King, asesora do goberno británico, en 5 a 10 anos os novos coches poderían emitir un 30% menos con tecnoloxías que xa están ás portas do mercado, sempre que a industria deixe de obstaculizar o seu despregamento e aceptación [1].
É preciso un novo modelo de mobilidade
Porén, as organizacións ecoloxistas lembran que, para conseguirmos un futuro libre de petróleo e paliarmos os problemas asociados á mobilidade, esta medida resulta necesaria mais non suficiente. De pouco serve ter coches máis eficientes se o uso abusivo do vehículo particular e o desbaldimento de enerxía seguen a se erixir como símbolos indiscutibles de progreso. Por iso, sinalan, cómpre avanzarmos cara a un novo modelo de mobilidade baseado no principio de proximidade, no que a norma sexa usar menos o coche privado e máis o transporte público colectivo e outros medios de transporte limpos.
[1] The Greens/European Free Allieance: Putting the brakes on climate change, outubro de 2007, baseado en Kurzgutachten zu den CO2-Minserungspotenzialen der auf EU-Ebene diskutierten Grenzwertvorschläge für neu zugelassene Pwk, Öko-Institu, xullo de 2007
The King review on low-carbon cars, outubro 2007 e marzo 2008