Para Ecologistas en Acción, as axudas que formulan o Goberno estatal e Gobernos autonómicos como o galego á compra de automóbiles son un mal negocio. Efectivamente, se o que se quere é obter máis empregos e de calidade, a mellor estratexia sería apoiar o transporte público, xa que xera o dobre de empregos que o sector do automóbil. Se nos fixamos nos seus efectos sobre o ambiente, ou na xustiza social dos investimentos, estes só se pueden cualificar como ruinosos.
A Xunta sumouse á iniciativa lanzada polo Goberno central e dará até 700 euros para mercar coches e até 1.500 euros para comprar vehículos industriais lixeiros, destinando para estas axudas un total seis millóns de euros. Considerando tamén as axudas do Goberno estatal e dos fabricantes, as axudas para a compra dun coche en Galicia serán de 2.000 euros (para coches de até 10.000 euros) ou de 2.200 euros (para coches de até 30.000 euros).
– Un mal negocio para o emprego
Se o que se quere é obter máis empregos e de calidade, hai que investir en transporte público, non en automóbiles. Efectivamente, a igualdade de percorrido de viaxe, o transporte público xera o dobre de postos de traballo que a mobilidade privada. Esta é a conclusión dun estudo de 2006 realizado no ámbito catalán [1]. Algo parecido concluiuse en Francia na década dos 90 [2], e o mesmo en Alemaña [3].
Ademais, os empregos en transporte público son de moita maior calidade e, desde logo, non teñen o risco das deslocalizacións, algo tan frecuente na industria do automóbil.
– Un mal negocio para o ambiente
Seguir promovendo o medio de transporte que máis problemas ocasiona ao medio e á saúde da cidadanía, é un mal negocio. Efectivamente, a maior parte das emisións de CO2 do transporte proveñen do automóbil. Máis de 3.000 persoas morren cada ano en España por accidentes de tráfego, e máis de 16.000 pola contaminación do aire que provén dos tubos de escape dos coches…
É importante considerarmos que un dos detonantes da crise actual foi o aumento dos prezos do petróleo. Non parece logo unha boa medida desde o punto de vista económico o aumentar as facilidades para seguir queimando este combustible, tornándonos aínda máis dependentes enerxeticamente e aumentando o déficit da nosa balanza comercial.
Alén diso, coas axudas ao automóbil aprobadas, o Goberno a penas foi ambicioso á hora de esixir como contrapartida recurtes nas emisións de CO2 ou de gases contaminantes, o que supón unha falta de estímulo para a reconversión cara á sustentabilidade do sector. E iso que este camiño é unha das poucas saídas desde o punto de vista económico á crise da industria do automóbil.
– Un mal negocio para a xente con menos recursos
Convén lembrar que unha terceira parte dos fogares españois non ten coche, a metade deles porque non o poden permitir. No fondo, co pretexto de solucionar un problema, estanse transferindo cuantiosos recursos económicos aos sectores da sociedade que menos o precisan.
– Un mal negocio para todos
Como demostran tamén numerosos estudos, que analisan os custos externos do transporte -isto é, os custos que xera o transporte e que non pagan os usuarios polo que son sufragados polo conxunto da sociedade-, o esforzo económico da sociedade española polo noso modelo de mobilidade baseado no automóbil é tremendo. Así, a suma dos gastos médicos e de seguridade social que ocasionan os accidentes de tráfego, xunto co seu contributo ás alteracións climáticas, a destrución de espazos naturais, os gastos derivados da conxestión, etc. cuantifícase nun 9,56% do PIB español para o conxunto do transporte. E a maior parte destes custos externos son debidos ao automóbil.
Se a isto lle engadimos os tremendos investimentos en infraestruturas para o coche (só o Goberno central gastará durante 2009 nada menos que 5.636 millóns de euros en novas autovías, e iso que somos o país europeo con máis quilómetros destas infraestruturas), decatarémonos do mal negocio que supoñen estes investimentos, que con certeza xerarían moita máis calidade de vida e mellor emprego noutros sectores, nos que somos claramente deficitarios.
[1] Estudo de Pau Noy para o Instituto de Estudos de Seguridade. Este e os seguintes estudos citados, extraídos de Pau Noy, "Empleos, movilidad e infraestructuras", en Movilitat Sostenible i Segura, Inverno 2009.
[2] A partir dunha investigación do INRETS, Instituto Nacional de Investigación sobre os Transportes e a Seguridade.
[3] Traballos do Instituto Wuppertal e INFRAS, de Zurich
Nota de prensa relacionada: Dinero para coches y no para personas