panorama_de_santa_comba_dende_o_aparcamento_pequeno_1.jpg Demandamos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente que merque ou expropie as parcelas delimitadas sobre áreas dunares e hidromorfas de Sta. Comba,  Sartaña e Ponzos, afectadas pola parcelaria. Asimesmo, Verdegaia denuncia a degradación e o fraccionamento de diversos hábitats dunares e palustres, integrados no L.I.C. “Costa Ártabra” e na Z.E.P.A. “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, como consecuencia da apertura de novos camiños e da delimitación de novas parcelas.

Tralo coñecemento da xuntanza prevista para o día 12 do presente mes entre a Consellería de Medio Rural e os/as afectados/as da Concentración Parcelaria de Covas-Esmelle-Marmancón-Mandiá, o Núcleo Comarcal da asociación ecoloxista Verdegaia demanda axilidade na adquisición dos terreos dunares e hidromorfos de Sta. Comba, Sartaña, Ponzos e As Cabazas, na parroquia de Covas, afectados polas obras da parcelaria. No seu día, o N.C. de Verdegaia dirixiuse por escrito á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Medio Ambiente para demandar de ambos organismos a adquisición, mediante compra ou expropiación, das novas parcelas delimitadas sobre áreas dunares e húmidas de Santa Comba, Sartaña e Ponzos, co obxecto de garantizar a súa conservación, ao verse seriamente afectadas polas obras de concentración parcelaria. No caso das Cabazas, o Ministerio de Medio Ambiente xa anunciou a adquisición do humidal existente xunto con outras zonas ambientalmente sensíbeis da Provincia da Coruña, a través do seu programa de adquisición de fincas, para incorporalas ao Dominio Público Marítimo Terrestre. Non obstante, todo parece indicar que dita adquisición vai ser máis lenta do esperado, aínda que agardamos e desexamos que se materialice antes de que remate o ano.

Aínda que as zonas costeiras de Sta. Comba, Sartaña e Ponzos forman parte do L.I.C. “Costa Ártabra” e da Z.E.P.A. “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, iso non impediu que a construción de novos camiños e a ocupación das parcelas resultantes degradasen e fraccionasen diversos hábitats dunares e palustres, resultando estes últimos os máis prexudicados ao modificarse o seu réxime hidrolóxico e resultaren recheados, nalgúns casos, trala ocupación dos novos predios. A propia Xunta de Galicia recoñece estes feitos a través dun informe emitido o 9 de setembro do ano 2005, no que se conclue que “La delimitación de parcelas y la apertura de pistas que se está realizando en zonas dunares y de humedales (con los consiguientes rellenos en estos casos) puede hacer peligrar los valores por los que se decretó la zona como lugar de interés comunitario y zona de especial protección de las aves. Se trata de humedales y hábitats costeros que carecen de valor para la explotación agrícola, por lo que sería conveniente excluírlos de la concentración”. Verdegaia comparte as conclusións do citado informe da Xunta de Galicia, lembrando que as zonas de Sta. Comba, Sartaña, Ponzos e As Cabazas xa foran excluídas da concentración parcelaria ao pouco tempo de escomenzar, mais debido ás presións políticas do momento, a Xunta de Galicia incorporounas de novo ao proxecto parcelario. Asimesmo, considera que a solución máis eficaz para salvagardar, neste caso, os valores naturais das devanditas zonas costeiras pasa, necesariamente, porque as Administracións públicas competentes se fagan coa titularidade das novas parcelas delimitadas sobre terreos dunares e hidromorfos, pois as roturacións, a implantación de cultivos, as reforestacións, etc., resultarían incompatíbeis coa conservación destes hábitats naturais.