cn_espaola.jpgPara Ecoloxistas en Acción, a avaliación preliminar do CSN dos resultados das probas de resistencia das centrais nucleares españolas non bota sorpresas e peca unha vez máis de falta de esixencia, como xa o fixeron as probas en si mesmas. Entre estas non se contemplan accións humanas externas como iniciadoras do accidente e ignórase a acción de varios sucesos simultáneos. No informe o CSN reclama a instalación dalgúns sistemas novos para evitar o venteo de substancias radiactivas.

O 15 de setembro o CSN enviou á Comisión europea a Avaliación preliminar dos resultados das probas de resistencia das centrais nucleares españolas. Estas probas xa eran limitadas en si mesmas posto que se excluíu a avaliación dos accidentes provocados por accións humanas externas como o choque dunha aeronave contra os edificios da central, sexan auxiliares ou dos reactores, ou dun atentado terrorista.

Toman por separado a resistencia a certos sucesos, cando non sería de estrañar que algúns deles concorresen á vez. Por exemplo, que un terremoto levase aparellada a interrupción da alimentación exterior da central e que ocasionase danos na alimentación eléctrica de emerxencia.

No caso da avaliación do comportamento ante terremotos, o propio CSN recoñece no seu informe que non se aplicou a recente metodoloxía aprobada polo OIEA e que, polo tanto, estes estudos deben repetirse á luz da devandita normativa. Tamén falta a avaliación do comportamento de equipos de emerxencia e da refrixeración das piscinas de combustible gastado.

No caso de inundacións exclúese o perigo de rotura do encoro de Alarcón, augas arriba da nuclear de Cofrentes, cando existen estudos que poñen en dúbida a súa resistencia. Non se considera a inundación xunto con outro suceso extremo.

Ante a rotura da alimentación eléctrica de emerxencia e a desaparición do sumidoiro de calor, que permita extraer a calor do núcleo do reactor, afírmase que as centrais dispoñen de equipos que garanten a refrixeración durante 24 horas, sen considerar a posibilidade de que estes equipos resultasen danados. Tras esas 24 horas considérase a achega de equipos lixeiros externos que quizais non estean dispoñibles en caso de catástrofe. E finalmente apúntase a necesidade de restablecer a alimentación recorrendo a centrais hidroeléctricas próximas, cando con toda probabilidade estas centrais terán podido tamén sufrir danos polo mesmo suceso, que ocasionou os problemas na central nuclear.

Nas probas séguense detectando problemas pola posible acumulación de hidróxeno, o que deu lugar ás fatídicas explosións de Fukushima. Así mesmo detectáronse problemas para o venteo de gases da contención facendo necesaria a instalación de sistemas que reduzan a radiactividade que se expulsaría cara ao exterior, que hoxe non existen.

En resumo, para Ecoloxistas en Acción, trátase dunhas probas incompletas e insatisfactorias levadas cun baixo nível de esixencia. Non se pode dicir que as centrais nucleares españolas estean preparadas para reaccionar ben ante sucesos similares aos acaecidos en Fukushima.