Ecologistas en Acción, xunto coas outras catro principais organizacións ecoloxistas de ámbito estatal (WWF/Adena, SEO/Birdlife, Greenpeace e Amigos de la Tierra), denunciou con motivo do pasado Día Mundial do Ambiente as nefastas consecuencias ambientais e sociais do urbanismo sen control en España. Asemade, solicitou ao presidente do Goberno central, e aos de todas as Comunidades Autónomas, que impidan a especulación urbanística.

Entre 1990 e 2000, o chan urbanizábel en España aumentou 170.384 hectáreas. En 2005, superáronse todos os récords de construción chegando ás 800.000 viviendas. A construción converteuse nun dos principais negocios e o motor económico do Estado español. Malia estas cifras, España figura no grupo de estados máis desenvolvidos que rexistou crecementos máis acusados do prezo da vivenda. De feito, o acceso á vivenda segue sendo un dos principais problemas sociais.

A degradación do litoral mediterráneo é un exemplo que se estende a todo o Estado español. As costas do norte resíntense, a edificabilidade dos 1.700 quilómetros de franxa marítima en Galicia aumentaría un 75% cos novos planos urbanísticos municipais que programan 600.000 pisos.

Marea urbanizadora

A marea urbanizadora arrasa con todo. A figura de espazo natural protexido xa non é garantía de sobrevivencia, os gobernos autónomos modifican os límites, revisan a normativa, autorizando vivendas, grandes infraestruturas, estacións de esquí, portos deportivos, etc. As repercusións non son só ambientais, xa que o patrimonio cultural, histórico e arquitectónico tamén se degrada. A paisaxe de hortas tradicionais no Levante e Murcia desaparece. Conxuntos monumentais coma os de Toledo ou San Lorenzo de El Escorial áchanse ameazados.

Asociada a esta voráxine construtiva xorden os problemas de corrupción. Neste contexto, as irregularidades urbanísticas son constantes. A pesar das denuncias, a impunidade é escandalosa. Perante esta situación, as cinco principais organizacións ecoloxistas estatais dirixíronse aos 17 Presidentes autonómicos e ao Goberno para demandaren unha actitude máis activa e eficaz na persecución da delincuencia e das irregularidades urbanísticas. Neste senso, Ecologistas en Acción e as demais organizacións confían en que a creación da figura do Fiscal Coordenador de Medio Ambiente e Urbanismo e o novo texto da Lei do Solo, que tramita o Ministerio de Vivenda, freen a espiral especuladora na que entrou a práctica totalidade do territorio español.

Web da área de Urbanismo de Ecologistas en Acción