Após a aprobación do Proxecto de Lei de Economía Sustentable para o seu envío ás Cortes, Ecoloxistas en Acción mostra a súa perplexidade pola cantidade de actividades insustentábeis que se inclúen neste paraugas da Lei, así como pola forte contradición que existe entre moitas das medidas propostas e as políticas reais.
Efectivamente, o Executivo facilitou un comunicado de prensa cunha relación de iniciativas incluídas na Estratexia para a Economía Sustentable, da que o Proxecto de Lei aprobado a semana pasada é a peza central. Entre estas iniciativas chaman a atención algunhas como os Reais Decretos de desenvolvemento da Lei Omnibus, que son paso máis na liberalización da nosa economía e dos servizos, cando foron precisamente a falta de control e a ausencia de aplicación de criterios de sustentabilidade sobre os mercados os que nos levaron á actual crise económica e financeira. É dicir, máis veneno disfrazado de medicina.
Algo parecido se podería afirmar da proposta de reforma do mercado laboral ou doutra iniciativa, a proposta de reforma do sistema de pensións, que no fondo o que promoven é que os que paguen e sufran as consecuencias da crise sexan precisamente quen non son responsables dela: os traballadores e traballadoras.
Pero, máis alá da perplexidade que causa que moitas destas iniciativas se poidan cualificar de sustentables, o que chama a atención é a forte contradición existente entre boa parte das propostas do Proxecto de Lei e as políticas reais.
Así, por citarmos só algunhas das contradicións máis chamativas, fálase de desenvolver unha Lei de fomento das enerxías renovables cando nos últimos anos seguiuse unha política de restrición e limitación dun sector, o das renovables -sobre todo en fotovoltaica- que estaba en claro auxe, xerando moito emprego e achegando claras vantaxes ambientais e sociais.
Fálase de promover unha fiscalidade verde e de conseguir unha mobilidade sustentable, mais o Goberno español séguese opondo á chamada euroviñeta -o pagamento polo uso de infraestruturas viarias para os vehículos de mercadorías, unha taxa de carácter obrigatorio na Unión Europea, motivo polo que España ten aberto un procedemento de infracción-, e que ademais sería o xeito máis eficaz para empurrar a que máis mercadorías fosen en ferrocarril.
Nesta mesma liña, mentres se fala de "transformar o sector do transporte para incrementar a súa eficiencia económica e ambiental", dedícanse durante 2010 nada menos que 19.300 millóns de euros a novas infraestruturas de transporte, que na súa maior parte son autovías en itinerarios sen o tráfego mínimo requerido para xustificalas, ou investimentos en alta velocidade ferroviaria mentres o ferrocarril convencional segue abandonado á súa sorte.
Para Ecoloxistas en Acción abonda comparar estes 19.300 millóns de euros -en boa medida destinados a asfaltar o territorio a través de políticas de infraestruturas anacrónicas- coa contía que terá o Fondo para a Economía Sustentable, 20.000 millóns de euros até 2011, isto é, durante dous anos. É dicir, o dobre de diñeiro para destruír que para construír unha economía supostamente, só supostamente, sustentable.
Propostas ecoloxistas para unha Lei de Economía Sustentable
Ecoloxistas en Acción, xunto co resto das principais organizacións ecoloxistas de ámbito estatal, presentou un documento titulado Propostas ecoloxistas para unha Lei de Economía REALMENTE Sustentable. O documento, que as organizacións promotoras presentarán aos grupos parlamentares, fai unha valoración do proxecto de lei presentado previamente polo Goberno sobre algúns dos aspectos que consideran prioritarios para avanzar cara unha economía sustentable (fiscalidade verde, mudanza climática, enerxía, transporte e mobilidade sustentable, urbanismo e vivenda) e presenta propostas concretas en cada un destes ámbitos. Máis información aquí .