Mobi-Liza, Composcleta, Arousa en bici, Pedaladas e VigoCiclábel solicitan reunirse coas Subselegacións do Goberno para frear a violencia nas rúas e estradas
Diversos sucesos con graves consecuencias acaecidos recentemente poñen en evidencia unha problemática que diversas asociacións promotoras da mobilidade en bicicleta levamos bastante tempo avisando.
O certo é que nin se deberían considerar accidentes, segundo o dicionario un accidente é algo imprevisto e casual, candoos sucesos acaecidos son consecuencia directa dunha actitude neglixente que conscientemente pon en risco a vida de ciclistas e peóns.
Mondariz
Ciclista en coma inducido ao ser atropelado e arrastrado por un coche a un barranco. No momento do choque o coche circulaba descontrolado despois de que o condutor, que circulaba a unha velocidade extrema e ía nun ‘pique’ con outro vehículo, perdera o control do coche.
Ribeira
Ciclista con lesións na columna despois de ser atropelado por unha moto que circulaba en grupo durante un evento motorizado que promove condutas ilegais.
Cambados
A condutora dun coche queda en estado de shock despois que unha moto chocara violentamente contra o seu coche. As testemuñas relatan que a moto viña circulando a unha velocidade moi excesiva e realizando adiantamentos pola dereita nunha rúa limitada a 30km/h e con diversos pasos de peóns.
Vigo
Unha moto choca contra un vehículo aparcado nunha rúa de Vigo, as testemuñas din que a moto circulaba a unha velocidade desproporcionada nunha rúa con velocidade limitada a 40 km/h.
Nestes dous últimos casos, a moto chocou contra outros vehículos porque foi o que atopou por diante cando xa circulaba descontrolada… podían ter sido bicicletas, peóns, terrazas,…
Estas actitudes poñen en evidencia dous puntos:
- un número preocupante de persoas que conducen coches e motos desprezan a vida das outras persoas porque considera que superar os límites de velocidade é o seu dereito;
- os protocolos de vixilancia das forzas de seguridade deberían ser revisados xa que non teñen a capcidade de evitar os comportamentos referidos.
As nosas asociacións promoven o uso da bici por uns motivos moi claros:
- é o vehículo máis respectuoso cos demais usuarios da vía (é moi difícil que unha bici provoque un accidente grave);
- é o vehículo máis respectuoso coa poboación en xeral (nula contaminación acústica);
- é o vehículo máis respectuoso co medio ambiente (nula contaminación atmosférica),
Pero esa promoción ten que ir en paralelo á protección da seguridade das persoas que utilizamos a bici acotío. As administracións deben tomar medidas que nos aproximen aos obxectivos da iniciativa internacional “Visión cero”, creando espazos máis respectuosos e seguros, entre elas:
- mellora da vixilancia;
- modificacións urbanísticas axeitadas;
- promoción de comportamentos para a convivencia harmoniosa entre as persoas.
Por este motivo vimos de solicitar reunións coas Subdelegacións do Goberno, instándoas a que revisen os seus protocolos de actuación e ,dese modo, conseguir que esa minoría de condutores deixe de sentirse impune para circular polas rúas e estradas como se foran circuítos de carreiras.


















