Verdegaia demanda que se eliminen os treitos inutilizados nas obras de mellora da estrada Covas-Sanxurxo e se repoña o terreo ao seu estado natural. Tamén solicita que se retiren os postes de formigón apilados en diferentes lugares das marxes da estrada e se eliminen as especies vexetais invasoras que colonizaron o terreo como consecuencia das obras. Denuncian o desplante do Concelleiro Manuel Santiago no día acordado cos ecoloxistas para visitar as obras.
O núcleo comarcal da asociación ecoloxista Verdegaia (bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal) informa que vén de dirixirse por escrito ao Concello de Ferrol, á Deputación Provincial, á Consellería de Medio Ambiente e á Demarcación de Costas para queixarse polo xeito en como se están a levar a cabo as obras de ampliación e mellora do trazado da estrada C.P. 3606 de Covas a San Xurxo (Ferrol) pois, na nosa opinión, están a repercutir negativamente no Lugar de Interese Comunitario (L.I.C.) da zona Natura 2000 Costa Ártabra, así como noutras zonas de interese natural adxacentes; proceder que xa foi denunciado nunha anterior ocasión con data do 01/12/2009 ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Nesta ocasión constatamos que as obras conlevaron a modificación do trazado da devandita estrada en varios treitos entre o P.q. 1 + 300 e o P.q. 2 + 600, aproximadamente, ficando infrautilizados partes do trazado orixinal. Sobre esta cuestión, demandamos a ditos organismos que se proceda á retirada, na súa integridade, do pavimento asfáltico e do firme de terra e cascallos destes treitos inutilizados, tornando o terreo afectado ao seu estado natural. Lamentabelmente, cando se reforma unha estrada, é costume non eliminar os treitos infrautilizados, acrecentándose o impacto visual e paisaxístico das obras sobre a contorna natural.
Por outra banda, tamén solicitamos que se retire a totalidade dos postes de formigón que fican amoreados en diferentes lugares das marxes da estrada, ao seren sustituidos por outros novos, e que están a ser cubertos pola vexetación autóctona espontánea. Non vaia ser que por este motivo queden esquecidos indefinidamente neses lugares. Ademais, queremos que se revisen as obras de drenaxe efectuadas no treitocomprendido entre o P.q. 1 + 300 e o P.q. 1 + 500, aproximadamente, retirando os cascallos sobrantes e as tubaxes innecesarias das zonas hidromorfas que resultaron afectadas polas mesmas.
Tamén solicitamos a eliminación das matas da especie vexetal invasora denominada Datura stramonium, dado que colonizou os taludes e zonas de terra removida tralo inicio das obras. Neste asunto, afacemos fincapé en que a eliminación desta planta exótica se efectue por métodos manuais e mecánicos, dado que o emprego de productos químicos como herbicidas afectaría ás zonas hidromorfas e ás especies autóctonas asociadas.
Vai varios meses que Verdegaia púxose en contacto co Concelleiro Manuel Santiago para que este visitase as obras xunto con membros de Verdegaia e coñecese de primeira man as eivas sinaladas para que llas transmitise oficialmente ao resto dos organismos coa finalidade de subsanalas. Non obstante, o citado Concelleiro non se presentou na data e hora fixadas, nen tampouco atendeu ás nosas chamadas telefónicas para que nos explicase o motivo da sua ausencia, polo que finalmente decidimos dirixirnos directamente por escrito a todos os organismos con algún tipo de implicación neste asunto.