accion_da_da_terra_2006.jpg As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia aumentaron o 23,4% entre 1990 e 2007. Este e outros datos recóllense no informe  “As emisións de GEI en Galicia (1990-2007)”, no que se difunden publicamente por primeira vez datos sobre as emisións en 2007. As emisións de GEI en Galicia incrementáronse menos que en España pero  máis  que  no conxunto dos países desenvolvidos. As centrais térmicas de carbón achegaron o 39,5% das emisións en 2007. O transporte é o sector onde máis aumentaron as emisións desde 1990.

Salientamos os seguintes datos do informe:

-As emisións de GEI volveron aumentar en 2007, despois dos descensos rexistrados en 2005 e en 2006. Desde 1990 aumentaron un 23,4%, é dicir, por riba do límite de incremento do 15% entre 1990 e 2008-2012 que se comprometeu a respectar o Estado español no marco do acordo da UE-15 para o cumprimento do  Protocolo de Quioto. Segundo os últimos datos do Ministerio de Medio Ambiente, as emisións do noso país pasaron de 28.658.320 toneladas en 1990 a 35.371.840 en 2007, último ano para o que se dispón de datos oficiais.

-As emisións por habitante de Galicia son superiores ás emisións medias do Estado español e da Unión Europea: 12,4 t/ano fronte a 9,9 e 10,4 respectivamente (datos para o ano 2006). Máis da metade destas emisións (o 51,6%) son atribuíbles a media ducia de grandes empresas transnacionais: ENDESA, UNIÓN FENOSA, ALCOA, REPSOL, FERROATLÁNTICA e CEMENTOS COSMOS (GRUPO CIMPOR).

-O carbón é o maior inimigo do clima. As centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama achegaron o 39,5% das emisións totais de Galicia.  Só a central das Pontes contribuiu máis á mudanza climática que todo o sector do transporte. Mesmo despois das reformas ás que se someteron para poder queimar só carbón de importación desde 2008, as centrais das Pontes e de Meirama seguen a ser ineficientes e moi intensivas en emisións de CO2.

– O sector do transporte duplicou as súas emisións desde 1990, debido sobre todo ao forte crecemento do transporte por estrada, e xa supón o 20% das emisións totais.As causas do aumento desbocado das emisións de GEI do transporte hai que buscalas no crecemento urbanístico difuso, nunha política desmesurada de construción de novas infraestruturas de transporte por estrada, na insuficiencia das medidas de promoción dos modos de transporte sustentables, no aumento do parque de vehículos privados e nas escasas restricións para o seu uso en cidades e vilas.

Asumir a débeda climática e avanzar cara a unha economía baixa en carbono

Galicia, como país cunhas elevadas emisións per cápita, que ten unha débeda de carbono cos países empobrecidos, debería facer un esforzo moi importante para reducir as súas emisións, se quere contribuír a prevenir un cambio climático catastrófico do que Galicia non só sería coresponsable senón tamén vítima. Cando, segundo as investigacións científicas, queda xa pouco tempo para evitar un desastre climático, a loita contra a mudanza climática segue sen ser unha prioridade para a Xunta, como apuntan as primeiras decisións adoptadas polo Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo: Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015 (Plan MOVE),  continuación da aposta pola incineración dos residuos urbanos, compracencia cara ás centrais térmicas,…

No documento “Por unha economía galega baixa en carbono”   Verdegaia presentou un conxunto de propostas para comezar a reducir de forma sostida as emisións galegas de gases que provocan a mudanza climática. Dado que o 82,7% das emisións proceden da produción e o consumo de enerxía, o prioritario é reformular as políticas enerxética e de transporte  co obxectivo de diminuír  a produción eléctrica sucia (nomeadamente a partir de carbón), decrecer o consumo de enerxía e expandir as enerxías renovables de forma respectuosa co territorio e maximizando os beneficios sociais.

Documento:

 pdf As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro en Galicia (1990-2007)