Segundo os datos divulgados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (1), as emisións de dióxido de carbono (CO2) dos sectores industriais aos que se lles aplica a Directiva Europea de Comercio de Emisións reducíronse en Galicia o 31,36% en 2008 a respecto de 2007. A principal causa desta importante diminución foi a crise económica. O sector con maiores emisións, o da xeración eléctrica, reduciu a súa achega á mudanza climática nun 38%. A térmica de carbón das Pontes (ENDESA) foi responsable do 58% das emisións de todas as industrias galegas que participan no comercio de emisións.
Os sectores industriais que participan no comercio de emisións emitiron 12.129.921 toneladas de CO2 durante 2008, fronte ás 17.672.106 de 2007. A xuízo da asociación ecoloxista Verdegaia, a crise económica explica boa parte deste descenso, pois levou a unha moderación do consumo de electricidade e da actividade industrial. A crise económica está a contribuír en Galicia e a nivel mundial a mitigar a perigosa crise climática. Isto pon de relevo o insustentable que é o modelo económico actual e a necesidade dun decrecemento socialmente sustentable nos países enriquecidos.
No ano pasado, as emisións verificadas superaron lixeiramente as asignadas gratuitamente polo Goberno central. En 2007 a superación foi do 40%. A crise económica está a facer que haxa unha abundancia de permisos de CO2 e que baixe o seu prezo, polo que o comercio de emisións agora non está a incentivar nada as tecnoloxías baixas en carbono.
O sector eléctrico representou o 73,35 % das emisións totais, aínda que reduciu as súas emisións nun 37,29% en comparación con 2007. Nesta diminución, máis alá da crise económica, influiron tamén a paralización temporal da central de carbón de Unión Fenosa en Meirama para adaptala a queimar só carbón de importación, o aumento dos prezos dos permisos comercializables de emisión de CO2 e do carbón durante o primeiro semestre de 2008, a importante achega dos parques eólicos á produción eléctrica ou a entrada en funcionamento de dúas novas centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural nas Pontes e Sabón, máis eficientes e menos intensivas en emisións de CO2 que as de carbón.
Malia o inicio da actividade das centrais de gas natural, a central térmica de carbón das Pontes emitiu en 2008 nada menos que 7.026.553 toneladas de CO2. Isto evidencia que a produción de electricidade a partir de carbón, a pesar de ser moi sucia, está pouco desincentivada. Polo seu destacado contributo á mudanza climática global, centrais térmicas de carbón como a das Pontes poden considerarse “fábricas de morte”, tal e como as cualificou recentemente James Hansen, director do Nasa’Goddard Institute for Space Studies (The Observer, 15 febreiro 2009).
Probable diminución das emisións totais
Aínda que polo de agora non hai estimacións para as emisións totais de Galicia (incluíndo todos os sectores, ademais da industria á que se aplica a Directiva Europea de Comercio de Emisións), é previsible que diminuísen en 2008 e que o sigan a facer durante este ano. Tal redución non se pode atribuír ás políticas impulsadas pola Xunta e polos Concellos, pois as medidas que puxeron en marcha até agora para reducir as emisións teñen un alcance moi limitado e foron contrarrestadas por outras de maior calado que contribúen a aumentalas.
Verdegaia demanda do novo Goberno que revise o Plano Galego de Acción fronte ao Cambio Climático 2008-2012 deixado polo bipartito, para adaptalo ao novo escenario de crise económica e para facelo moito máis ambicioso (o Plano prevé un aumento das emisións do 37% a respecto de 1990, cando en 2007 eran un 25,1% superiores) (2). Lamentablemente, as declaracións de responsables da nova Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas indican que a loita contra as alteracións climáticas seguirá sen ser unha prioridade, que haberá continuismo en políticas inimigas do clima como a de infraestruturas de transporte ou a de residuos e que se manterá unha actitude compracente cara ás centrais térmicas de carbón. Cando menos no futuro máis próximo, as emisións diminuirán grazas ao decrecemento económico e a pesar das políticas da Xunta (3).
Notas
1.http://www.mma.es/secciones/cambio_climatico/areas_tematicas/comercio_emisiones/com_emis_espania/pdf/ley_1_2005_inf_apl_2008.pdf. PD: Posteriormente á divulgación desta nota, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colgou un balanzo na súa web: http://www.siam-cma.org/cambioclimaticogalicia/verificacions2008.htm
2. Segundo unha estimación do Departamento de Medio Ambiente de CCOO. O último dato oficial dispoñible indica que en 2006 as emisións eran un 20,6% superiores ás de 1990.
3. Verdegaia presentou o documento Por unha economía galega baixa en carbono.
Táboa. Emisións de CO2 (en toneladas) por sectores asignadas en 2008 e verificadas en 2008 e 2007
Sector |
Número de instalacións |
Asignadas 2008 |
Emitidas 2008 |
Emitidas 2007 |
Xeración eléctrica |
5 |
8.201.226 |
8.897.647 |
14.187.945 |
Combustións |
32 |
1.408.145 |
1.168.988 |
1.239.123 |
Refino de petróleo |
1 |
1.632.107 |
1.344.896 |
1.470.564 |
Produción cal e cemento |
2 |
393.325 |
377.846 |
373.851 |
Produción cerámica (tellas, tixolos, azulexos, baldosas) |
15 |
187.766 |
144.076 |
192.674 |
Produción pasta e papel |
2 |
153.098 |
106.199 |
101.810 |
Produción aceiro |
1 |
81.004 |
63.507 |
78.352 |
Fabricación vidro |
1 |
35.055 |
26.762 |
27.787 |
Total |
59 |
12.091.726 |
12.129.921 |
17.672.106 |