Verdegaia ven de presentar alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio onde denuncia o caracter destructivo das DOT ao non aportar medidas que permitan frear á artificialización irreversible do territorio, garantan a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, revitalicen o medio rural, conserven a diversidade biolóxica, reduzan a demanda de transporte motorizado, melloren a habitabilidade de cidades, vilas e aldeas, diminúan a contaminación e a xeración de residuos e recuperen o territorio degradado.

O modelo territorial proposto polas DOT subordina o uso sustentable dos recursos naturais e a cohesión social ao obxectivo superior da procura do crecemento económico no marco dunha economía globalizada. Este modelo é o reflexo territorial dun modelo económico que ignora os límites ambientais locais e globais e implica un consumo crecente de enerxía e de materiais e unha xeración cada vez maior de residuos e de contaminación. Cando non contribúen a agravalos, as DOT só pretenden aminorar, en certa medida, os impactos territoriais negativos do actual modelo de produción e consumo, intrinsecamente insustentable. Con estas DOT a economía galega continuará a degradar o territorio propio e o ambiente global, consumindo recursos por riba das posibilidades ecolóxicas do país e do planeta, mantendo unha elevada pegada ecolóxica e o conseguinte déficit ecolóxico.

A inconsistencia da suposta aposta pola sustentabilidade ponse de manifesto desde a mesma formulación das orientacións estratéxicas do modelo territorial. A modo de exemplo, o eixo C, "Mellorar a accesibilidade e mobilidade do territorio" fai referencia aos graves prexuízos das políticas de transporte centradas no vehículo privado, a súa interpretación da sustentabilidade fica clara cando a plasma no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia (MOVE), que aposta por un incremento importante da rede de estradas de alta capacidade, malia ser xa moi densa. Pola repercusión territorial que estas infraestruturas teñen, quedan así en entredito outras orientacións estratéxicas, positivas cando menos a un nivel de formulación xeral, como "favorecer a compacidade e previr a urbanización difusa" ou "protexer o patrimonio natural".

Aparecen enunciadas tendencias e problemas como o despoboamento do rural, a maior presión sobre os recursos nas zonas costeiras, a contaminación das rías, a problemática da eucaliptización, a urbanización dispersa, o monocultivo forestal, o elevado número de encoros ou a contaminación xerada polo uso do automóbil. Sen embargo, a descrición e diagnóstico da situación actual do territorio realízase dende unha perspectiva máis enumerativa que de xeito valorativo, excluíndose boa parte da problemática socio-ambiental froito dun determinado modelo produtivo e de consumo. Neste sentido, non existe información sobre indicadores de sustentabilidade (ej: Pegada ecolóxica, Emisións de efecto invernadoiro, consumo de electricidade, grao de naturalidade dos bosques, superficie artificializada, produción de residuos urbanos ou axuda oficial ao desenvolvemento), que serían fundamentais. Tampouco se mencionan os Indicadores Ambientais publicados na páxina web da Xunta de Galicia pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nos que se sinala que, por exemplo, dos Espazos Naturais Protexidos no ano 2006 tan só o 12,5% contaba con PORN, e 5,4% con PRUX., supoñendo isto unha situación de "alegalidade" e indefinición de cara á súa preservación.

Outro sinal da ineficacia da presente proposta das DOT é o propio proceso de tramitación en paralelo cando non posterior a outras leis e planos de extraordinaria importancia e directamente vinculados ao territorio. Así, na actualidade está en marcha o proceso administrativo de aprobación do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia, en fase de consulta pública. Tamén está nas súas primeiras fases o Plan de Ordenación do Litoral que obviamente terá que adaptarse ao aprobado xa no Plan Galego de Acuicultura que regala nada menos que 3,5 millóns de m2 de litoral ás empresas acuícolas. Tamén vense de aprobar a cuarta reforma da Lei do Solo nos seus sete anos de vida namentres a FEGAMP e esta Consellería están a discutir xa unha nova Lei do Solo para finais da lexislatura. Asemade, entre as primeiras medidas do goberno Feijoo estivo a aprobación do Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia 2010-2015, que afecta ao territorio no seu conxunto coa construción de grandes infraestruturas, como sempre, adicadas a potenciar o transporte por estrada; e a reforma do decreto eólico, con implicacións territoriais claras. É dicir, cando se aproben as DOT, grande parte do que supostamente "ordena" xa estará lexislado polo que non se verá afectado.

Finalmente sinalar a indefendíbel exclusión das DOT de documentos oficiais ou internos elaborados en anos recentes polas administracións e fundamentais para consolidar a rede de espazos protexidos, Neste sentido salientamos que non se recolle a Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 presentada no ano 2007 por esixencias da UE; o Mapa de Corredores Ecolóxicos nin o Inventario de Humidais de Galicia, mentres que este último si aparece na páxina web da Xunta de Galicia.

pdf Descarga as alegacións