Lamentablemente, temos que lembrar o tema das bautizadas como “chemineas de Mariñamansa”. Nunha praza que en teoría é “zona verde” segundo o Plan Xeral de Ordenación Urbanística de Ourense, fixéronse dúas chemineas enormes contra as que Verdegaia xa protestou hai un tempo e contra as que os veciños veñen protestando desde que se comezou a falar de facelas. Estas chemineas ocupan esa chamada “zona verde”, pero que de verde ten pouco, xa que non hai practicamente vexetación, toda a praza está chea de baldosas e, por se fora pouco, ten dúas chemineas enormes no medio.
En primeiro lugar, esas chemineas expulsarán unha contaminación que sae directamente á altura dun segundo andar dun edificio nunha zona que está pechada parcialmente polos propios edificios. Que alguén pense en saír ó seu balcón ou en pór a secar a roupa nel ou simplemente en abrir a porta do balcón con dúas chemineas botando a contaminación dos coches dun aparcadoiro subterráneo e de todos os negocios do supermercado.
Á parte da contaminación evidente que terían que respirar os veciños e as veciñas, está a contaminación acústica, xa que esas chemineas terán uns motores para expulsar esa contaminación, o que estará facendo ruído durante practicamente todo o día.
Por se fora pouco, tamén provocará vibracións que se notarán na zona onde VIVE XENTE.
E agora engadimos:
- Aumento de tráfico para ir á superficie comercial.
- Aumento de contaminación á parte das chemineas e os negocios.
- Ninguén poderá gozar da "zona verde" xa que será imposible estar alí coa contaminación, coas vibracións e cos ruídos.
- As posibles consecuencias para a saúde das persoas pola exposición continuada á vibración, á contaminación atmosférica e acústica.
- Que esa "zona verde" se vai converter no "teito" dunha superficie comercial e dun aparcamento soterrado.
- Que a legalidade das licenzas que se pretenden dar é moi dubidosa (e se non o é, porque se agachan tanto?).
- Que soamente faltan catro días para as eleccións (a que tanta présa?).
E o mellor de todo o asunto é que non hai nin vai haber ningunha modificación no Plan Xeral de Ordenación Urbanística, é dicir, esa zona seguirá sendo "verde".
Por suposto, venderannos unha vez máis que aumenta a zona verde en Ourense (claro que as contas saen cando sabemos que contan a herba dunha rotonda como "zona verde").
Non é por pensar mal, de verdade, pero, sinceramente, cando hai moita merda (como a que van botar esa chemineas), CHEIRA!!