O gas substituíu parcialmente o carbón na xeración eléctrica en Galicia durante os últimos anos.  Así, a central de ciclo combinado de gas das Pontes (Endesa) foi en 2021 a segunda industria do país con maiores emisións.

Só as fábricas de alúmina e de aluminio de Alcoa en San Cibrao superaron as 800.000 toneladas (t) de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) emitidas pola central de gas fósil das Pontes o ano pasado, ao atinxiren conxuntamente perto de 1.100.000 t (1). Esta cifra baixará en 2022 e 2023, anos en que só se manterá activa a fábrica de alúmina e interromperase a produción na de aluminio.

Entre as cinco industrias galegas con maior impacto negativo no clima en 2021 tamén aparece, en cuarto lugar, a central de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy), por detrás da refinaría de Repsol da Coruña, localizada a escasa distancia.

A central de Sabón pasou de emitir 31.400 t de GEI en 2018 a 642.000 en 2021, multiplicando por 20 o seu impacto no clima.

A que foi até 2018 unha das maiores fábricas de crise climática de Europa, a central de carbón das Pontes (Endesa), foi a quinta industria galega con emisións máis altas. Malia a súa actividade rexistrar un mínimo histórico en 2021, lanzou á atmosfera 521.000 t de GEI.

En 2018, o ano previo ao inicio do colapso do carbón na xeración eléctrica, emitiu 7.940.000, 15 veces máis. Endesa prevé desconectar esta central de carbón, situada a carón da de gas fósil que tamén posúe nas Pontes, no próximo mes de xuño.

A queima do gas fósil, tamén chamado gas natural, xera menos emisións de GEI que a do carbón. Porén, tamén é un combustíbel fósil do que cómpre prescindirmos canto antes. Agrava a crise climática, encarece a factura enerxética e xera dependencia externa. A pretensión de Bruxelas de incluír o gas na súa lista de investimentos sustentábeis parécenos un despropósito.

Colapso do carbón e COVID-19 baixaron as emisións totais de Galicia

Entre 2018 e 2021 a forte diminución da produción das centrais de carbón  foi compensada en parte polas centrais de gas fósil de Sabón e As Pontes, abastecidas a través da regasificadora de Reganosa.

Nun escenario de baixo crecemento da potencia renovábel, o uso de gas fósil na xeración eléctrica tería sido ben maior de non ser polo descenso do consumo galego e das exportacións, inducido pola COVID-19 e o ascenso do prezo da electricidade (2).

A caída da produción das centrais de carbón das Pontes e Meirama (apagada en xullo de 2020), xunto co decrecemento da economía provocado pola COVID-19, causaron unha importante redución das emisións totais de GEI de Galicia. En 2020 ascenderon a 18,6 millóns de t, un 35,9% menos que en 1990, segundo os datos oficiais máis recentes.

O obxectivo da Xunta de redución das emisións das térmicas para 2030 xa foi superado

A pesar do incremento da actividade das centrais de gas fósil, as emisións conxuntas de gases causantes de cambio climático das centrais térmicas (carbón máis gas) baixaron en 2021 con respecto ao ano anterior, de 2,4 millóns de t a case 2.

As emisións das centrais térmicas en 2021 foron un 86% inferiores ás de 1990. Polo tanto, en 2021 superouse amplamente o cativo obxectivo da Xunta para 2030 (-54,3%) e ficou máis próximo o proposto para 2050 (-98%). (3)

Cómpre pechar as centrais de ciclo combinado antes de 2030

Nos últimos anos confirmouse o prioritario que para a loita contra a crise climática desde Galicia era o abandono do carbón, aínda así atrasado innecesariamente década e media.

O gas non pode ser o novo carbón e as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes os novos elefantes na habitación que ninguén parece ver.

Desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” consideramos necesario e factíbel o peche das centrais de ciclo combinado de gas fósil antes de 2030, como parte dunha estratexia que debería reducir as emisións galegas de GEI polo menos nun 65% en 2030 con respecto a 1990. Meta consecuente coas responsabilidades e capacidades da nosa terra para contribuír a que o quecemento global non supere os 1,5ºC.

Nova e gráficas na web de Un Futuro sen Carbón

Notas

  1. Segundo os datos de emisións verificadas no marco do mercado europeo de emisións e publicados pola Comisión Europea. Dispoñibles en https://ec.europa.eu/clima/policies/ets/registry_en#tab-0-1.
  2. De acordo cos datos de Rede Eléctrica de España (REE), se comparamos o balance eléctrico anual de 2021 co de 2018, obsérvase que o  descenso da produción das centrais de carbón (9.849 GWh), e o moito menor das centrais de coxeración con produtos petrolíferos e gas fósil (744 GWh), foi compensado principalmente por unha diminución das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica (4.396 GWh), por un aumento da actividade das centrais de ciclo combinado de gas fósil (2.885 GWh) e pola redución do consumo (2.839 GWh). A xeración de electricidade renovábel tan só medrou 612 GWh.
  3. Os obxectivos da Xunta recóllense na vixente Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.