Pasada a vendima e governadas as bodegas, a Asociación Veciñal de Lentille convoca as brigadistas para lle arrearmos outra poderosa trabada ao asedio das mimosas na súa aldea.

Desta volta concentraremos os esforzos en erradicarmos pequenos focos de invasión dentro da aldea e liberarmos camiños  e sendeiros veciñais e as súas marxes. Separaremos ramallada para a sua posterior compostaxe e leña.

A leña de acacia procedente da atividade das Brigadas en Lentille estará sempre ao dispor de iniciativas e proxectos sen ánimo de lucro que a precisen para o desenvolvimento da sua atividade en prol do ben común. A Asociación Veciñal de Lentille fica atenta a propostas e solicitudes en avlentille@gmail.com.

Para vos apuntardes é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até o 9 de NOVEMBRO a máis tardar.

O punto de encontro será o habitual no estacionamento do Souto ás 10:00. E o albaroque terá lugar na terraza do Cabildo se o clima o permite e no garaxe de non haber alternativa.

Na parte da tarde continuaremos cos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versarán sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

Colabora co Teaming

Lembramos que tamén se pode colaborar coas Brigadas con 1€/mes a través da Plataforma Teaming das Brigadas.