Hai uns días recibíamos a boa nova de que a candidatura presentada conxuntamente pola Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, a Comunidade do Monte Veciñal de Froxán e Verdegaia ao programa de axudas a proxectos de conservación da EOCA de axudas e proxectos de conservación resultaba ganadora na categoría de forestal.
Desde Verdegaia queremos mostrar o noso agradecemento público a tódalas persoas que apoiaron esta iniciativa votándoa e divulgándoa, e facendo así posible este éxito.
Hoxe queremos anunciar tamén o lanzamento público do proxecto de Brigadas deseucaliptizadoras promovido por Verdegaia.
O próximo sábado 21 de abril botámonos ao monte, coa nosa primeira xornada de traballo. Será na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán, en Lousame.
Esta intervención, a primeira das programadas en Froxán, levarase a cabo en varios hábitats de interese comunitario e interese prioritario, e realizarase de maneira sinérxica coas iniciativasde restauración de hábitats degradados promovidas pola Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a Sociedade Histórica e Cultural «Coluna Sanfins».
As persoas interesadas en participar deben estar en Froxán ás 10:00, parainiciar os traballos sobre as 11:30. Non é preciso traer luvas nin ferramenta, pois serán proporcionadas pola propia organización.
Ao finalizar a xornada de traballo, compartiremos un xantar de albaroque.Aquelas persoas que queiran participar nesta xornada deben anotarse na páxina web das Brigadas deseucaliptizadoras (http://verdegaia.org/brigadas/). A data límite para anotarse nesta primeira Brigada é o 16 de abril.
Esta xornada é só o inicio do proxecto de Brigadas deseucaliptizadoras. Conscientes de que son moitas as persoas que en todo o país están desexando realizar accións de voluntariado ambiental en relación aos coidados do monte e a evitación de lumes, pensamos que é preciso organizar e coordinar todo ese potencial. Con esa finalidade, e coa vista posta nas accións de restauración ambiental e na deseucaliptización do monte galego, que consideramos urxente e prioritaria, naceron as Brigadas.
Desde Verdegaia vimos de abrir unha páxina web a través da que se poden anotar todas aquelas persoas voluntarias que queiran facer parte das Brigadas deseucaliptizadoras, cumprimentando un simple formulario cos seus datos básicos.
O proxecto está tamén pensado para que calquera colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos de sendeirismo…) poida implicarse na organización dunha brigada local. Así, aqueles colectivos locais ou titulares de parcelas forestais que queiran establecer unha Brigada no seu territorio, poden anotarse tamén por medio da web, no formulario de incorporación de parcelas.