Verdegaia Compostela ven de presentar alegacións ao "Plano especial de ordenación, protección, mellora ambiental e acondicionamento das brañas do Sar (PE-3R) de Xuño de 2009 – Documento de Inicio" promovido polo Concello de Compostela e en fase de consulta para a Avaliación Ambiental Estratéxica. Este plano afecta un espazo que polo de agora, e por desgraza, non presenta ningún tipo de protección a pesares de ser un espazo de elevado valor ambiental e paisaxístico dentro da área urbana de Compostela, e que xa ten sufrido numerosas intervencións moi criticables desde o punto de vista ambiental (incremento da superficie construída dentro da bacía, incomunicación provocada por diferentes infraestruturas lineais, contaminación persistente e difusa nas augas, etc), dos que en grande medida foi ou é responsábel o propio concello.
O plano non só non detén a edificación de equipamentos públicos ou propón plans para diminuír a contaminación xa existente, senón que determina novas intervencións, obviando ou mesmo desacreditando en determinados parágrafos a importancia do lugar, adxectivando como “marxinal” ou “residual” a un área que ao noso entender se debería valorar pola súa característica de semi-selvaxe.
Tampouco fica reflectido no plano, con datos claros, concretos e de base científica a importancia dos valores ambientais, denotando unha baixa adicación ao estudo da biodiversidade da zona en xeral.
A área de actuación sobre as brañas que propón o plano, non coincide coa área delimitada polo PXOM para este ámbito, co que se aumenta a ambigüidade dunhas actuacións que perseguen en todo momento a antropización do espazo.
Verdegaia propón que se describa con datos claros, concretos e científicos as bases que levan á ordenación que se establece neste plano e que a partires deste, se determine a realización dun estudo biolóxico, xeolóxico e etnográfico dos seus valores que leven a determinar unha figura de protección para as brañas.
Non só consideramos paralizar a construción de infraestruturas dentro do espazo, senón tamén a posibilidade de derrubar algunhas das existentes e aplicar un plan de recuperación de áreas contaminadas co fin de devolvelo a un estado de non regresión, para o que solicitamos mudar a concepción dos espazos verdes dentro das cidades como desertos verdes, dependentes de químicos e especies alóctonas para entender e valorar a riqueza dos espazos verdes como aqueles que se desenvolven de xeito natural onde a diversidade especifica é maior e autóctone, teñen a súa dinámica propia allea á intervención humana e manteñen as sinerxias con outros espazos naturais da contorna.